O Conservatorio Profesional de Música de Torroso gradúa á súa quinta promoción

Redacción

A promoción 2026 estivo integrada por 16 alumnos e alumnas das especialidades de violonchelo, frauta, trompeta, violín, trombón, gaita, clarinete, piano, contrabaixo, óboe, saxofón e bombardino

O padriño da promoción foi o músico Alejo Amoedo

O Conservatorio Profesional de Música de Torroso celebrou este sábado o acto de graduación da súa V Promoción de Grao Profesional nun auditorio cheo de alumnado, familias, profesorado e autoridades locais e educativas.

A promoción 2026 convértese ademais na máis numerosa da historia do centro, cun total de 16 alumnos e alumnas graduados, duplicando practicamente a cifra da promoción anterior e consolidando o crecemento académico e artístico do conservatorio mosense.

A cerimonia estivo presidida polo director xerente do centro, Camilo Grandal, e contou coa presenza da alcaldesa de Mos e senadora, Nidia Arévalo, da concelleira de Educación, Julia Loureiro e do director académico Rubén. O padriño da promoción foi o músico Alejo Amoedo Portela, encargado tamén da entrega das becas ao alumnado graduado.

O acto puxo de manifesto o momento de consolidación e crecemento que vive o Conservatorio de Torroso, convertido xa nun dos principais referentes musicais e culturais da comarca e de Galicia.

A graduación estivo acompañada por distintas actuacións da Banda do Conservatorio e do coro do centro xunto coa agrupación Setestrelo, nun programa que combinou formación académica e nivel artístico.

Durante a súa intervención, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou “o orgullo que supón para Mos contar cun conservatorio que ano tras ano segue medrando en prestixio, alumnado e proxección cultural”.

Arévalo sinalou ademais que “o Conservatorio de Torroso representa un modelo de excelencia educativa construído desde o esforzo colectivo do profesorado, das familias e do alumnado”.

A rexedora lembrou tamén a evolución positiva do centro nos últimos cursos, consolidando a liña de crecemento xa visible na pasada edición académica, tanto na participación cultural como na proxección exterior do alumnado e das agrupacións musicais.

O momento de proxección que vive o Conservatorio e o tecido musical de Mos reflíctese tamén no recente nomeamento da Banda de Música Xuvenil de Torroso aos Premios Martín Códax da Música, un dos principais recoñecementos do sector musical galego. Durante o acto, a alcaldesa Nidia Arévalo trasladou publicamente “todo o apoio e a mellor sorte” á agrupación de cara á final dos galardóns.

A promoción 2026 estivo integrada por alumnado das especialidades de violonchelo, frauta, trompeta, violín, trombón, gaita, clarinete, piano, contrabaixo, óboe, saxofón e bombardino.

O acto rematou coa interpretación do Himno de Mos a cargo do coro do Conservatorio.

Comparte este artigo