O Concello estreará este sábado 23 de maio ás 19 h na Praza do Calvario o documento audiovisual nacido dunha iniciativa de voluntariado interxeracional posta en marcha por rapazada rosaleira con mulleres e homes maiores rosaleiros como protagonistas
Manter a memoria viva a través dos testemuños, do sentimento e da palabra. O Rosal prepárase para vivir este sábado 23 de maio unha cita coa súa propia historia coa estrea do documental ‘De avoas a netas’, unha peza audiovisual que nace tras meses de entrevistas e encontros e que recolle as vivencias das xeracións maiores do municipio e o seu legado para a mocidade actual.
A Praza do Calvario acollerá ás 19:00 horas a proxección deste documental nado ao abeiro dun proxecto impulsado por 15 mozas e mozos voluntarios do Rosal coa colaboración e o apoio do Concello, unha iniciativa interxeracional no que mulleres e homes maiores son os verdadeiras protagonistas. A iniciativa naceu co obxectivo de preservar e poñer en valor o patrimonio cultural, etnográfico e inmaterial rosaleiro a través da memoria oral.
O traballo é o resultado de meses de investigación, nos que se combinou o estudo de arquivos históricos e bibliografía coa realización de máis de vinte entrevistas en profundidade. Desa suma de voces emerxe unha narración coral que reconstrúe como era a vida no Rosal nas décadas centrais do século XX, abordando aspectos como a economía, a vida social, a cultura ou os costumes do territorio.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salientou que “este documental é unha ponte entre xeracións e unha forma de recoñecer a importancia das nosas persoas maiores como gardiás da memoria colectiva. O Rosal que somos hoxe constrúese sobre o que foron quen nos precederon e proxectos como este axúdannos a entender e valorar ese legado”. A rexedora quixo agradece a toda a mocidade participante a súa implicación “nun proxecto que nos ofrece un verdadeiro tesouro que nos conecta co que fomos e co que queremos ser”.
Como antesala da estrea, o venres 22 de maio ás 19:00 horas inaugurarase no Salón de Exposicións unha mostra complementaria do proxecto. Esta exposición recolle o proceso de investigación desenvolvido, con materiais de arquivo, fotografías, planos e prensa histórica, ademais dos testemuños recollidos ao longo das entrevistas. A exposición inclúe tamén unha parte dedicada ao propio proceso de creación do proxecto e á participación da mocidade, permitindo achegar á veciñanza a evolución dunha iniciativa que combina memoria, aprendizaxe e participación interxeracional.
Este proxecto de voluntariado interxeracional contará ademais cunha terceira actividade que vertebra toda a iniciativa: unha recreación con veciños e veciñas de escenas do pisco, o contrabando que tiña lugar nos anos 40 e 50 no Rosal. Será o 7 de xuño ás 17.00 horas no Calvario.
Con esta proposta, O Rosal reforza o seu compromiso coa recuperación da súa historia viva e coa transmisión do seu patrimonio inmaterial ás novas xeracións. A alcaldesa convida á veciñanza “a asistir e descubrir este documental feito desde o cariño, a memoria e o compromiso coa nosa historia. É unha oportunidade para emocionarnos, recoñecernos e seguir construíndo comunidade”.

