O pleno da corporación municipal que se celebrará mañán, xoves, tratará unha moción do BNG para esixir do Ministerio de Transportes unha actuación integral da N-541 que mellore a seguranza viaria ao seu paso polo noso concello. “É unha reivindicación xusta dos nosos veciños e veciñas, e agardo que todos e todas esteamos á altura das circunstancias e sexamos quen de actuar con unha soa voz para esixir que se fagan as melloras necesarias da estrada para adaptala aos criterios de seguranza do século XXI”, dixo o portavoz nacionalista, Ernesto Filgueira, quen apelou á responsabilidade das e dos membros da corporación, porque, afirmou, “a N-541 ten que deixar de ser a estrada perigosa que é na actualidade”.
O Portavoz nacionalista lembra que o Senado vén de aprobar este luns, 18, a instancias do BNG, unha moción defendida pola senadora Carme da Silva que contempla todas as melloras que se recollen na moción que se tratará no pleno do Concello, e que busca “poñer fin a décadas de desleixo e inacción por parte dos sucesivos gobernos do Estado, fosen do PSOE ou do PP”.
A parte resolutiva da moción que vai mañán a pleno insta ao Ministerio de Transportes a:
- Realizar unha auditoría sobre a seguranza viaria na N-541, que permita identificar todos os puntos de risco e definir unha actuación integral que solucione os problemas actualmente existentes nesa vía.
- Repoñer integralmente o asfaltado da N-541 con materiais antideslizantes e corrixir os peraltes nas curvas.
- Adoptar de medidas de acougado de tráfico na entrada ao núcleo de Cerdedo, e instalar unha pasarela peonil en Calvelo, acompañada dun carril de incorporación no punto quilométrico 84 en dirección Ourense, así como urbanizar a contorna da marquesiña e a crear unha vía ciclista e peonil até o río Tenorio.
- Reforzar a iluminación en tramos especialmente perigosos, nomeadamente nas zonas de curvas entre Viascón e A Longa, Barbeitos e Sacos, Sacos e Dorna, e Pedre e Cerdedo, así como adaptar a estrada como travesía nos núcleos de poboación polos que discorre, como Calvelo, Tenorio, Viascón, A Longa, Barbeitos, Dorna e Santa María de Sacos.
- Construír un paso inferior peonil en Tenorio que conecte o Centro de Saúde coa farmacia e mellora dos accesos a Cutián, en San Xurxo de Sacos, e ao lugar de Cádavo, en Santa María de Sacos.

