Será o 7 de xuño no Pazo de Mos
O festival infantil e familiar Canto Conto regresará o vindeiro 7 de xuño ao Pazo de Mos cunha edición moi especial. A cita, que alcanza xa a súa décima edición, reunirá unha ampla programación cultural e lúdica pensada para público de tódalas idades, combinando concertos, espectáculos, xogos e obradoiros ao longo de toda a xornada.
A organización aposta novamente por un formato participativo e familiar, consolidado xa como unha das propostas culturais de referencia no municipio.
A programación arrancará ás 12.00 horas co concerto de Pakolas & Banda. A continuación, celebrarase un scaperoom colectivo dunha hora e media de duración, aberto á participación simultánea de tódalas persoas asistentes.
A tarde continuará coa animación de rúa do Grupo Xiada, seguida do concerto de Brais das Hortas. Despois chegará “Malabarabilidades”, un espectáculo de malabares pensado para o público familiar, mentres que o peche musical correrá a cargo de Arigato.
De maneira paralela, o recinto contará durante toda a xornada con diferentes actividades permanentes. Entre elas, un obradoiro de chapas; hinchables; xogos populares e xogos xigantes; ademais dun obradoiro de arxila.
Pola súa banda, o festival disporá de postos de comida e bebida durante todo o día, incluíndo opcións sen glute, reforzando así a súa aposta por unha oferta adaptada ás diferentes necesidades alimentarias.
Este festival enmárcase dentro da programación oficial da Festa da Rosa deste ano.

