O BNG salienta o éxito da andaina realizada este domingo na Arnosa en memoria de Celso Bugallo

Redacción

A actividade, adiada hai unhas semanas polo mal tempo, congregou arredor dun cento de participantes de todas as idades nun dos espazos máis emblemáticos da parroquia de Vilalonga, de onde era natural o actor

Foi unha xornada que incluíu unha ofrenda floral na memoria de Bugallo, ademais de charlas sobre a historia deste emprazamento e sobre as diferentes especies de aves que se poden atopar na zona

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) salienta a boa acollida que tivo este domingo informa o roteiro organizado render unha merecida homenaxe, a título póstumo, ao actor Celso Bugallo, natural da parroquia de Vilalonga e finado o pasado mes de decembro. Este recoñecemento fíxose a través dunha andaina que contou cunha elevada participación de persoas de todas as idades, e que sirviu para percorrer varios puntos da contorna das lagoas da Arnosa, unha das zonas máis emblemáticas e importantes desde o punto de vista paisaxístico e medioambiental do concello. Desde o punto de encontro, na zona do aparcadoiro das Cachadas, onde se celebra cada mes de xullo a Festa do Carme, os e as participantes percorreron todo o enclave, nunha excursión que incluíu charlas explicativas sobre a historia das antigas telleiras, nas que durante varias decádas do século XX se fabricaban pezas de cerámica e que cheguo a ser un dos principais motores económicos da contorna, e tamén sobre a riqueza ornitolóxica e medioambiental do enclave.

Acompañados polo gaiteiro Toño Fernández Agraso, por integrantes da Asociación Cultural Andarela, e o Colectivo Ecoloxistas do Salnés, un dos momentos máis emotivos tivo lugar cando se procedeu á realización dunha ofrenda floral en memoria de Celso Bugallo. Cómpre lembrar que este acto enmárcase dentro das iniciativas que o BNG impulsa para conmemorar o Día das Letras Galegas, e que tivo que ser adiado hai unhas semanas polo mal tempo.

Os nacionalistas inciden na importancia de promover iniciativas que axuden a difundir e recoñecer a trascendencia da figura de Celso Bugallo, “un dos máis grandes referentes do país no ámbito da cultura, da interpretación e do sector audiovisual”. Celso Bugallo naceu no lugar de Lagarei en 1947 e “sempre presumiu con orgullo das súas raíces”. A sua implicación e o agarimo que sentía pola súa vila natal quedou demostrado en varias ocasións, como nas charlas nas que participou no IES de Vilalonga ou ao integrarse na lista electoral do BNG antes das municipais de 2019.

Cómpre lembrar que o Bloque xa promoveu outras iniciativas que servisen para perpetuar o legado e a memoria de Celso Bugallo, gañador do Premio Goya ao mellor actor secundario polo seu inesquecible papel no filme de Alejandro Amenábar ‘Mar Adentro’, no que interpretaba ao irmán do protagonista, Ramón Sampredro, interpretado por Javier Bardem. O grupo nacionalista levou a principios de ano unha moción ao Pleno para propoñer que o futuro Centro Social de Vilalonga, onde se atopaba o antigo colexio O Cruceiro, levase o nome de Celso Bugallo, medida que foi rexeitada polo Partido Popular e o alcalde, Telmo Martín.

Comparte este artigo