O Club Baile Deportivo Baila-Mos continúa levando o nome de Mos máis alá das nosas fronteiras. Mentres o equipo de competición participaba o pasado sábado 23 de maio no Marín Atlantic Open, un grupo de nove alumnos da sección de Baile de Salón Social do club participou no Dance Expo celebrado en Ferrara (Italia), un evento internacional organizado pola IDSF (International Dance Sport Foundation).
Esta cita reuniu escolas e bailaríns de diferentes países arredor do Baile de Salón Social (entendendo por Baile Social ao Baile de Salón non federado) e contou, por primeira vez, con representación española. Ademais, o Club Baila-Mos foi recoñecido pola organización como o club participante procedente da localización máis afastada, ao percorrer máis de 2.150 quilómetros ata Ferrara.
Os nove participantes, procedentes tamén de diferentes concellos da contorna como Salceda de Caselas, Tui, A Guarda e Salvaterra de Miño, recibiron certificados e medallas nas distintas modalidades de baile nas que participaron.
Desde o club destacan o valor desta experiencia internacional e a importancia de seguir impulsando o Baile Social dentro dunha entidade tamén vinculada á competición deportiva. A presidenta do club, a campioa do mundo Patricia Martínez, subliña o esforzo organizativo que supuxo coordinar simultaneamente a participación nos dous eventos celebrados durante a mesma fin de semana (outra parte do club competía en Marín), agradecendo especialmente a implicación e responsabilidade de todo o equipo para que ambas actividades se desenvolvesen con normalidade.
Durante a estancia en Italia, os integrantes de Baila-Mos compartiron tamén experiencia coa escola italiana Thermal Dance, situada en Abano Terme, dirixida por Jacopo, parella de baile de Patricia Martínez, e que acadou o cuarto posto como escola con maior número de participantes no evento.
O Club Baila-Mos xa traballa coa vista posta na próxima edición do Dance Expo 2027, co obxectivo de continuar ampliando a presenza internacional do baile deportivo e social galego e seguir situando Mos no mapa internacional desta disciplina.

