50 rondalleiros enchen Madrid de música e tradición na presentación da 53ª edición da Festa da Rosa

Redacción

A Casa de Galicia acolleu a presentación oficial dunha edición marcada pola creación da I Feira do Viño Rosado de Galicia

A influencer Tamara García, pregoeira en 2024, e o bailarín Rubén Cabaleiro tamén estiveron presentes

Medio cento de rondalleiros de Mos levaron esta mañá a música, a tradición e a identidade cultural mosense ata a Casa de Galicia en Madrid durante a presentación oficial da 53ª edición da Festa da Rosa. O acto estivo encabezado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada polo presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e pola concelleira mosense Julia Loureiro, ademais de representantes institucionais, culturais e sociais vinculados ao municipio.

As rondallas foron as grandes protagonistas dunha presentación que converteu Madrid nun escaparate da cultura popular de Mos e dunha das tradicións máis representativas do municipio. Unha ampla representación das rondallas de Mos participou activamente no acto, reivindicando o papel destas agrupacións como “alma cultural e popular” do municipio e como unha das grandes sinais de identidade da Festa da Rosa.

Durante a súa intervención, a rexedora destacou que “falar da Festa da Rosa é falar de identidade, historia e orgullo colectivo”, subliñando que a Rosa “non é só o símbolo de Mos, senón tamén a maneira de entender quen somos como pobo: traballador, dinámico, orgulloso das súas raíces e profundamente unido á súa cultura”.

A alcaldesa puxo en valor a capacidade da celebración para “evolucionar sen perder a súa esencia”, anunciando como principal novidade desta edición o nacemento da I Feira do Viño Rosado de Galicia, que se celebrará de maneira paralela á Festa da Rosa e da Exaltación da Empanada de Millo a cargo da Asociación de Mulleres Rurais de Mos.

Segundo explicou, esta nova cita nace coa vontade de converter Mos “nun punto de encontro para poñer en valor a calidade e personalidade dos viños rosados galegos e o enorme traballo das denominacións de orixe e das adegas”, unindo así tradición, promoción do territorio e impulso ao sector vitivinícola galego.

Entre os mosenses afincados en Madrid que se achegaron ao acto atopábanse a influencer Tamara García, pregoeira da Festa da Rosa en 2024, e o bailarín Rubén Cabaleiro, que quixeron acompañar ao Concello de Mos nesta presentación da nova edición da celebración mosense.

Ademais, ao acto asistiron tamén senadores e congresistas que quixeron acompañar á alcaldesa, Nidia Arévalo, nesta presentación da Festa da Rosa en Madrid e amosar o seu apoio á promoción cultural e turística de Mos.

A programación da 53ª Festa da Rosa incluirá concertos, festivais, concursos tradicionais, actividades infantís, eventos deportivos, exaltación gastronómica da empanada de millo, desfile de palilleiras e numerosas actividades culturais e populares, ás que se suma este ano a nova Feira do Viño Rosado de Galicia con vocación de continuidade e crecemento.

Durante a presentación, a rexedora lembrou tamén os nomes das persoas e entidades distinguidas nesta edición como valedores e valedoras da Rosa.

Serán recoñecidos Daniel Burgos, pola súa vinculación histórica coas rondallas e coa proxección cultural de Mos; Patricia Martínez, referente internacional do baile deportivo; María José Gómez Rodríguez, conselleira do Medio Rural; o grupo Radio Vigo, polo seu labor de difusión das tradicións galegas; e Celta Integra Zelnova, iniciativa de inclusión social impulsada pola Fundación Celta.

Tamén recibirán o recoñecemento como valedoriños Alba Salgueiriño e Óscar Molinos, en representación da mocidade mosense e dos valores de esforzo, constancia e superación.

A alcaldesa concluíu facendo un chamamento a visitar Mos durante as celebracións: “Queremos que a Festa da Rosa siga cruzando fronteiras e levando o nome de Mos cada vez máis lonxe. Madrid é encontro, escaparate e proxección, e hoxe trouxemos aquí unha parte da nosa terra para convidar a todos a descubrir a nosa cultura, a nosa gastronomía e a nosa xente”.

Despois do acto oficial celebrado na Casa de Galicia en Madrid, os asistentes puideron gozar dunha degustación da tradicional empanada de millo de Mos, un dos produtos gastronómicos máis representativos da Festa da Rosa.

Aínda que o día propio da Festa da Rosa é o 13 de xuño, este ano a celebración ampliarase tamén ao domingo 14 con motivo da Feira do Viño Rosado de Galicia. A programación, que conta cun mes cheo de actividades e actos, arrancará xa o vindeiro 5 de xuño co concerto de Cali & El Dandee no Pazo de Mos, incluído na programación de Concertos do Xacobeo e patrocinado por Turismo de Galicia.

Comparte este artigo