Máis de medio cento de participantes asistiron ao acto de peche dunha iniciativa pioneira centrada no envellecemento activo e saudable.
O alcalde do Concello da Lama, David Carrera e a concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Trinidad Fernández Oubiña, asistiron ao acto de clausura do programa de exercicio físico para persoas maiores de 70 anos desenvolvido en colaboración co Servizo Galego de Saúde (SERGAS) e a Universidade de Vigo, unha iniciativa pioneira que contou coa participación de máis de 60 veciños e veciñas do municipio.
No acto de clausura estiveron presentes o director do programa Guillermo Bilbao Ogando, fisioterapeuta e coordinador de fisioterapia de atención primaria; o doutor Lorenzo Antonio Justo Cousiño, profesor do grao en Fisioterapia da Universidade de Vigo e as doutoras do Centro de Saúde da Lama, Vanessa Cernadas e Laura González.
Durante o acto, o rexedor David Carrera destacou “o éxito rotundo” dunha proposta que tivo unha excelente acollida entre a veciñanza maior do municipio e puxo en valor a importancia da colaboración entre administracións e universidade para impulsar programas que melloren a calidade de vida das persoas maiores.
As sesións desenvolvidas ao longo do programa estiveron adaptadas ás capacidades e necesidades dos participantes e foron supervisadas por profesionais especializados, co obxectivo de mellorar a condición física, reducir o risco de caídas e combater situacións de fraxilidade asociadas á idade. Ademais do aspecto físico, desde o Concello salientaron tamén o importante compoñente social da iniciativa, favorecendo a convivencia, a participación comunitaria e a loita contra a soidade non desexada.
Un bo número das persoas maiores asistentes a esta iniciativa destacaron non so o valor terapéuto e a melloría sobre as súas doenzas físicas senón tamén o aumento na autoestima e autonomía persoal experimentada ao longo das sesións que se foron realizando ao longo desta experiencia.
PRESENTACIÓN DO PROXECTO EVA
Unha vez rematado o acto de clausura, as investigadoras da Facultade de Fisioterapia da Universidade de Vigo e do Campus de Pontevedra presentaron o “Proxecto EVA”, unha iniciativa científica que analizará os beneficios do contacto coa natureza sobre a saúde e o benestar das persoas.
O proxecto está impulsado polo grupo de investigación FS1 Fisioterapia Clínica da Universidade de Vigo, conta coa participación do IIS Galicia Sur e co apoio do Plan Social ENCE. As investigadoras responsables son Eva Mª Lantarón Caeiro, profesora da Facultade de Fisioterapia e investigadora principal do grupo, e Ana Gil Iglesias, investigadora do Programa de Doutoramento CREA do Campus de Pontevedra.
Durante a presentación explicouse que esta nova iniciativa investigadora desenvolverase este verán na Carballeira das Ermidas, en Antas (A Lama), e que varios dos asistentes ao acto de clausura xa se incorporaron como participantes ao estudo.
O alcalde David Carrera destacou tamén a relevancia deste tipo de proxectos para un municipio cunha contorna natural privilexiada como A Lama, sinalando que “este tipo de iniciativas permiten poñer en valor os nosos recursos naturais ao tempo que colaboramos co avance científico e coa promoción da saúde”.

