O Concello de Mos, a través do Centro de Información á Muller (CIM), impulsa unha nova actividade cultural e de promoción da igualdade coa representación teatral “As do Peix”, unha adaptación de Iria Pinheiro da obra “As do peixe” de Cándido Pazó, que será posta en escena polo Grupo de Teatro en Igualdade de Mos.
A representación terá lugar o vindeiro domingo 28 de xuño ás 20:30 horas no Centro Dotacional de Torroso, nunha proposta escénica que rende homenaxe ás mulleres traballadoras vinculadas ao mar e á industria conserveira, poñendo en valor a memoria colectiva, o esforzo e o papel fundamental das mulleres na historia social e económica de Galicia.
O elenco está integrado por Mucha Alonso Álvarez, Merchi Lago Barciela, Mary Comesaña Lago, Montse M. Copa, Amelia Vázquez Leirós, Yoli García Rubín, Dori Bacelo Rodríguez, Lucía R. Rodríguez Álvarez, Loli Miguez Grova, Fita Pampillón Giráldez e Mónica Suárez Saavedra.
Esta iniciativa forma parte das accións promovidas polo Concello de Mos a favor da igualdade e da participación activa das mulleres na vida cultural e social do municipio, fomentando ao mesmo tempo o teatro afeccionado como ferramenta de expresión, cohesión e sensibilización social.
O proxecto conta coa colaboración da Comunidade de Montes de Torroso e co financiamento da Deputación de Pontevedra.
A entrada será libre ata completar aforo.

