A Xunta enxalza a versatilidade do sector primario galego na XIII Feira da Sidra da Estrada

Redacción
  • A conselleira do Medio Rural, María José Gómez; e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; asistiron á inauguración deste evento
  • Gómez destacou a importancia desta celebración para a dinamización social e económica do rural e para o impulso do comercio de proximidade
  • As vendas do sector da sidra ecolóxica acadaron os 2,2 millóns de euros en 2025, un 5 % máis con respecto ao ano anterior, e unha produción anual de 1.870 toneladas de mazá para a súa elaboración

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez; e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; acompañados polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; asistiron hoxe á inauguración da XIII Feira da Sidra da Estrada. Nela, a conselleira enxalzou a versatilidade do sector primario galego, poñendo como exemplo a elaboración deste produto.

Nesta nova edición, a feira conta coa presenza de 24 lagares procedentes de Francia, Chequia, Letonia, Portugal e España. A conselleira salientou que, deste xeito, A Estrada convértese ao longo desta xornada no epicentro deste tipo de produción, xa que é un dos principais produtores de mazá de sidra en Galicia.

Así mesmo, destacou a importancia que ten esta celebración pola repercusión que este tipo de eventos teñen para as zonas rurais, favorecendo a dinamización social e económica da contorna e contribuíndo a impulsar o comercio de proximidade. Neste sentido, engadiu  que tamén se reforzan as canles curtas de comercialización, ao fomentar o contacto directo entre produtores e consumidores.

Elaboración artesanal e respectuosa co medio ambiente

Por outra banda, a titular de Medio Rural puxo en valor a elaboración de sidra ecolóxica, que está a medrar de xeito significativo nos últimos anos. A nosa comunidade conta con arredor de 400 hectáreas de maceiras ecolóxicas que se destinan principalmente á produción de sidra, alcanzando un total de 1.870 toneladas de produción anual. As vendas deste sector acadaron no pasado 2025 un valor económico de 2,2 millóns de euros anuais, o que supón un incremento do 5 % con respecto ao ano anterior.

Ademais, a conselleira destacou que a sidra, como outros moitos produtos agroalimentarios galegos, atópase amparada polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, o que certifica unha produción sustentable e respectuosa co medio ambiente; e tamén baixo o selo de Artesanía Alimentaria, que garante a súa produción artesanal. Neste sentido, afirmou que ambos selos outórganlle un importante valor engadido ao produto final, unha cuestión moi importante e valorada polos consumidores.

Asemade, amosou o compromiso do Goberno autonómico con este tipo de producións. En concreto, recalcou a aposta por aquelas amparadas por distintivos de calidade diferenciada, que son un exemplo do bo facer dos produtores galegos e contribúen a consolidar un medio rural vivo, sostible e produtivo.

Comparte este artigo