Comisariada por Ramón Rozas e coa colaboración de Antón Sobral, a mostra será un diálogo entre a pintura de Torres e a poesía de Manuel Antonio e traerá a Marín cadros do artista que pertencen ao Museo de Pontevedra, como Traxe de Buzo. Inaugurarase este venres 19 ás 20.00 horas.
Manuel Torres, o gran pintor de Marín, naceu o 17 de xuño de 1901. Hoxe, 125 anos despois, a súa terra quere poñer aínda máis en valor a súa obra, a súa pegada artística, a importancia do seu legado e a proxección da súa vangarda.
Así, o Concello prepara unha conmemoración deste aniversario con actividades para achegar a obra do artista á poboación, tendo como pistoletazo de saída a inauguración dunha mostra única e irrepetible onde Marín, o mar e a poesía únense para crear “Florecer no mar de primaveiras amargas… Manuel Torres na explosión De catro a catro”.
A mostra, promovida polo Concello de Marín, está comisariada por Ramón Rozas e conta co apoio de Antón Sobral, a Deputación, a través do Museo de Pontevedra, e a Xunta de Galicia.
A alcaldesa, María Ramallo, presentou xunto a Rozas e Sobral esta exposición, que se inaugurará o venres, 19 de xuño, ás 20.00 horas, coas intervencións das persoas implicadas e unha visita guiada ás salas por parte do comisario.
Rozas explica que esta mostra está concebida como un diálogo entre o pintor marinense e o poeta de Rianxo, “cuias vidas e traxectorias artísticas teñen moito máis en común do que cremos”. “Ambos coinciden na súa mirada de vangarda cara a liña do horizonte”, explica o comisario, “propoñendo desde o mar un discurso cheo de vitalidade, que repara na relación do ser humano con ese contexto desde o existencial, o cultural ou o estético”.
Para exmplificar esta visión conxunta do mar, tratado desde distintas formas de creación artística, poderán verse expostos cadros nunca antes mostrados no museo marinense, procedentes dos fondos do Museo de Pontevedra, como é Traxe de buzo, unha das pinturas máis icónicas de Manuel Torres.
O obxectivo da mostra tamén é o de afianzar a posición de Torres como un dos grandes pintores da vangarda galega dos anos 30, “compartindo ese protagonismo cos pintores do seu tempo fronte ao que moitas veces foi menosprezado”.
A exposición está configurada en base a cinco espazos expositivos: a travesía, dentro/fóra, soidade, a xente e a Banda do Río. Cada unha delas irá tratando a traxectoria do artista de Marín e facéndoo dialogar con fragmentos poéticos, replicados en vinilo dun caderno escrito a man polo propio Manuel Antonio.
A alcaldesa, María Ramallo, quixo destacar a “importancia que ten facer unha exposición coma esta. Este Museo é o Museo Torres e aínda que é interesantísimo que sexa un punto de referencia para exposicións de todo tipo, aproveitando os 125 anos do nacemento do noso pintor non podíamos non adicar os noso esforzos a reivindicar o seu legado e volver expoñer gran parte da súa obra dun xeito e cunha narrativa diferente”.
A rexedora quixo ademais agradecer ao Museo de Pontevedra a cesión de varios cadros “que a sociedade marinense poderá ver aquí, no noso pobo, no Museo de Torres, cumprindo unha débeda neste sentido”.
A exposición estará durante todo o verán, ata mediados de setembro, e estará aberta a escolares cando arranque o novo curso, que poderán solicitar visitas guiadas á mesma.

