A Gala do Deporte e dúas propostas teatrais para esta semana no Auditorio de Marín

Redacción

A programación cultural e social na vila segue un gran ritmo, despois da espectacular resposta desta fin de semana á Gala do Ballet de Galicia.

O Auditorio de Marín estreará unha nova semana de actividade onde o deporte terá a súa gran festa e na que se representarán as primeiras obras de teatro desde a apertura da nova infraestrutura cultural.
AUDITORIO MARÍN GALA DO DEPORTE
Mércores, 17, ás 19.30 horas

A primeira cita será co deporte do municipio. O Concello retoma a celebración da Gala do Deporte despois de varios anos de parón para celebrar os espectaculares éxitos deportivos dos nosos deportistas.

Presentada por Terio Carrera, a gala contará coa actuación de SonsGalia para amenizar a entrega de 14 premios aos e ás mellores da tempada, así como premios de carácter social e unha mención especial.

A entrada será gratuíta ata completar o aforo, tendo en conta a reserva de espazos para os propios premiados e os seus seres queridos. A apertura de portas será media hora antes, a partir das 19.00h.

TARTUFO, de Moliére, co Grupo de Teatro do Campus de Pontevedra
Sábado, 20 de xuño, ás 21.00 horas

A gran obra de Moliére, dramaturgo francés do século XVII e considerado un dos mellores escritores da súa época, será interpretada polo elenco do Grupo de Teatro do Campus de Pontevedra.

A comedia satírica conta a historia de Tartufo, un falso devoto que se infiltra na casa dun Orgón, un home adinerado, para manipulalo e roubarse os seus bens, destrozando á súa familia.

A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo. Apertura de portas ás 20.30h.

SOBREMESA, de Teatro das Maniotas (IES de Brión)
Domingo, 21 de xuño, ás 20.30h

O Grupo de Teatro do IES de Brión leva anos traballando con obras propias que non deixan indiferente. Chegan o domingo a Marín coa súa proposta “Sobremesa”, un texto orixinal e en galego sobre a familia, as festas e as relacións en xeral.

A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo. Apertura de portas ás 20.00h.

Comparte este artigo