Éxito rotundo do taller sobre educación sexual integral na infancia para a prevención e o acompañamento organizado polo Concello e o CRA María Zambrano
O Rosal continúa dando pasos para protexer á infancia. Case un centenar de persoas participaron no taller sobre sexualidade na infancia organizado polo Concello do Rosal xunto co CRA María Zambrano, unha xornada de formación práctica e sen tabús que abordou a educación sexual integral desde o enfoque da prevención e o acompañamento familiar. A resposta da veciñanza superou todas as expectativas e confirmou que este é un tema que as familias demandan con urxencia.
O encontro contou coa presenza de dúas formadoras de referencia no ámbito. Sabela Salgueiro, doutora en Traballo Social especializada en Saúde, Sexualidade e Xénero, e Ana Vila, psicóloga forense, analista conductual, interventora estratéxica e terapeuta familiar experta en prevención de abuso sexual infantil, que guiaron ás familias asistentes a través dun percorrido completo e rigoroso.
Ao longo da sesión, as familias participantes achegáronse ao concepto de sexualidade na infancia e ás súas manifestacións, aprenderon a identificar condutas esperables e sinais de alerta sen caer no alarmismo, e exploraron as claves da prevención da violencia sexual: corpo, límites, consentimento e confianza. O taller abordou tamén o impacto das pantallas e os contidos inadecuados en internet, e ofreceu ferramentas concretas para mellorar a comunicación no fogar: como preguntar, como responder, como crear espazos seguros e libres de culpa.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, valorou moi positivamente a acollida da iniciativa. “O éxito de participación na actividade di moito da madurez e do compromiso das familias rosaleiras. É un orgullo ter creado este espazo xunto co CRA María Zambrano e seguiremos apostando por este tipo de formacións que fan comunidade e protexen á nosa infancia”, resaltou.
Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, subliñou o valor preventivo da iniciativa, xa que “falar de sexualidade coas nosas fillas e fillos non é algo que nos ensinaron a facer, por iso este taller era tan necesario. Sabela e Ana déronnos ferramentas reais para afrontar conversas difíciles dun xeito natural, seguro e sen medo”.
O Concello do Rosal reafirma así o seu compromiso coa educación, a prevención e o benestar das familias e da infancia do municipio.
Para quen non puido asistir, a charla foi gravada e xa está dispoñible no apartado de Igualdade da páxina web do Concello do Rosal.

