O Rosal destina case 455.000 euros a recuperar e mellorar a contorna do San Gregorio

Redacción

O Concello captou fondos do Plan Extra 2025 para acometer este proxecto, para o que se obtiveron todas as autorizacións sectoriais

A Estrada, o camiño do Cotro, o camiño da Melania e o camiño de San Gregorio, a contorna que acolle cada ano a romaría do San Gregorio, van ser transformados nun proxecto integral de recuperación e mellora que devolverá ao seu mellor estado un dos enclaves máis queridos por rosaleiros e rosaleiras.

O Concello do Rosal captou fondos provinciais do Plan Extra 2025 da Deputación e europeos a través do Plan Edil impulsado polo Ministerio de Facenda e financiado con fondos FEDER para financiar os case 455.000 euros que suporán as obras. O proxecto supón a intervención en catro espazos directamente vinculados á ermida, ao seu valor patrimonial e ás celebracións populares que durante xeracións reuniron á veciñanza ao redor do patrimonio e da convivencia.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, subliñou o valor simbólico e veciñal desta actuación, que supón “devolverlle á veciñanza un espazo que sente seu, onde se xuntan xeracións e está a memoria das festas e a vida en común. A contorna do San Gregorio garda parte da identidade do Rosal, por iso o deseño da súa recuperación e mellora naceu da escoita directa”.

Neste sentido, a participación da veciñanza foi o punto de partida para definir as necesidades e as prioridades da intervención. Ademais, o Concello mantivo unha reunión específica coa Comisión de Festas do San Gregorio para afinar os últimos detalles antes de sacar a licitación, asegurando que a voz de quen vive e celebra eses espazos quedase recollida no proxecto definitivo.

Para facer posible esta intervención, o Concello xestionou e obtivo todas as autorizacións sectoriais necesarias: Patrimonio, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e Estradas, un proceso que garantiu a compatibilidade da obra con todos os organismos competentes.

Comparte este artigo