Tamén mantiveron unha reunión coa concelleira Marián Sanmartín de cara á campaña de Nadal, na que se lles repartirán 8.000 euros a maiores
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, xunto coa concelleira de Festas, Marián Sanmartín, presentaron oficialmente na mañá de hoxe o cartel e a programación completa das vindeiras Festas do Carme 2026 e do resto de actividades que dinamizarán a vila durante todo o verán.
Un programa para todos os gustos e idades
A programación deste ano destaca pola súa variedade a aposta pola dinamización continua ao longo de todo o calendario festivo, que arrincará con forza o 3 de xullo coa Mostra de Artesanía e a Concentración Moteira, que incluirá concertos, exhibicións e rutas nocturnas.
Entre os pratos fortes, a alcaldesa destacou a Batalla de Flores Nocturna do día 9 de xullo e a V Festa do Viño da IXP Ribeiras do Morrazo, que se celebrará na Alameda do 10 ao 12 de xullo e por suposto o pregón, que se mantén en segredo aínda uns días máis.
A música será protagonista coas mellores orquestras do momento: Panorama (12 de xullo), Olympus (13 de xullo), París de Noia (14 de xullo), Marbella (15 de xullo) e Los Player’s. Tamén haberá espazo para grandes concertos como o de Lérica no Parque Eguren.
O 16 de xullo, Día do Carme, vivirase o momento máis emotivo coa procesión marítima e a gran tirada de fogos de artificio.
María Ramallo quixo destacar que “Marín está preparado; as nosas rúas, prazas e espazos naturais están listos para gozar xuntos duns meses cheos de dinamización, cultura e tradicións”. A alcaldesa fixo un chamamento a “sentir orgullo do que somos e do noso xeito de vivir”.
O cartel: unha homenaxe ilustrada a Marín e ás súas festas
Unha das grandes novidades deste ano é o deseño do cartel, obra do ilustrador Iván Mouronte. O Concello mantén así a súa clara aposta pola creación ilustrada, fuxindo de composicións fotográficas tradicionais para ofrecer unha imaxe artística que recolle os elementos máis senlleiros das nosas festas: os barcos, a música das bandas e charangas, as flores, a esencia mariñeira da vila, a graduación dos futuros oficiais da Armada, os djs e concertos… E todo coroado cunha Virxe do Carme no centro.
Iván Mouronte Barreiro, natural de Lugo, é un recoñecido ilustrador e animador freelance con traxectoria desde 2008. Formado en deseño gráfico, o seu traballo é multidisciplinar, abarcando desde cartelería e prensa ata o deseño de personaxes para videoxogos e animación.
Entre as publicacións nas que ten traballado destacan “Compostela, camiño de pedra” e “Os Trotasongs”, e colabora con medios como El Progreso ou a revista El Notario del siglo XXI. Mouronte tamén destaca pola súa faceta como fotógrafo de música en vivo e deseñador mural.
Plan de Mobilidade: máis transporte público e aparcadoiros públicos gratuítos
Para facilitar que veciños e visitantes poidan gozar das festas sen preocupacións, o Concello anunciou unha importante ampliación dos horarios de autobús na liña Pontevedra-Marín os días 10, 11, 12, 13, 14, 15 e 16 de xullo, con saídas desde Pontevedra cada hora desde as 00.00h ata as 04.00 e de Marín cada hora desde as 00.30 ata as 04:30 horas.
Así mesmo, lembrouse a dispoñibilidade de aparcadoiros públicos gratuítos, cuxa listaxe pode consultarse na web municipal e nesta ligazón de Maps, moi útil para saber chegar a eles: https://maps.app.goo.gl/uv5dPCHRRBvaHEgSA?g_st=iw
Consultar o programa completo na web:
www.concellodemarin.es/veranmarin e no PDF adxunto ao correo electrónico

