- Considera “de xustiza” recoñecer os importantes vencellos do intelectual galeguista co municipio, “onde hai 90 anos ofreceu un dos seus discursos a prol do Estatuto”
- O representante da Xunta pon en valor que a instalación incorpore a ‘Carta aos estradenses’ para divulgar os “estreitos lazos” entre o escritor e esta localidade
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na inauguración da escultura homenaxe á familia Castelao-Pereira na Estrada, na que colaborou a Xunta como recoñecemento á “fonda pegada” que esta localidade pontevedresa deixou na traxectoria vital do intelectual e político galeguista.
Acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, o representante do Goberno galego considerou “de xustiza” esta homenaxe na localidade na que Castelao viviu tras casarse coa veciña da Estrada, Virxinia Pereira, e na que tiveron o seu fillo, Alfonso Xesús ‘Chuchiño’, finado aos 14 anos de idade, “de aí que a escultura familiar represente os tres e se sitúe na Praza de Galicia, testemuña de importantes acontecementos persoais e tamén históricos que o marcaron”, precisou.
Ao respecto, López Campos destacou que este espazo emblemático da Estrada, transformado en peonil recentemente, foi testemuña “hai 90 anos, un día antes do Referendo do Estatuto de Autonomía de 1936, dun dos seus discursos históricos a prol da consecución deste fito”. “No momento da súa intervención, unha avioneta sobrevoou este lugar esparexendo pasquíns a prol da autonomía galega”, lembrou.
Precisamente, este acontecemento foi descrito polo propio Castelao na Carta aos estradeneses, publicada na revista Unión Estradense e reproducida a carón da escultura, gravada sobre un mapa de Galicia co obxecto de “divulgar como merece os estreitos lazos do escritor e a localidade, que visitou por última vez xusto o día deste mitin histórico”, precisou.
Escultura de Acisclo Novo
A escultura en bronce, elaborada por Acisclo Novo, reproduce a familia a tamaño natural, coma tres paseantes máis nesta zona hoxe peonil. O fillo de Virxinia e Castelao, Alfonso Xesús, ocupa o lugar central da composición, instalada sobre unha pequena peaña.

