“Dotar dunha ambulancia medicalizada a Sanxenxo – O Grove ten sentido, pero facelo a costa de quitala do Hospital do Salnés é insultante”, apunta o Secretario Xeral local Julio Torrado
Os socialistas volverán a preguntar no Parlamento sobre este asunto, “aínda que os anteriores anos xa se comprobou que na Consellería non hai ningún interese en tratar o asunto como adultos”.
Como cada ano a 1 de xullo a Consellería de Sanidade fai efectivo o traslado dunha ambulancia medicalizada con base no Hospital do Salnés para trasladala a Sanxenxo, baixo a argumentación do incremento poboacional debido ao verán.
A dotación do Salnés preténdese cubrir cunha ambulancia básica e que estará disponible a metade do día (turno de 12h), en lugar da medicalizada 24h que funcionaba antes.
A agrupación socialista de Vilagarcía, a través do seu secretario xeral Julio Torrado, manifestou esta mañá seguir vivindo este episodio anual “entre o pasmo pola insensatez e a amargura pola desfachatez”. Torrado, deputado no Parlamento de Galicia e voceiro de sanidade do PSdeG na cámara autonómica, asegurou que volverá a preguntar aos responsables de sanidade por que non teñen a ben considerar outras solucións “a todas luces máis intelixentes” que, segundo o socialista, pasaría por fundamentarse nos mesmos argumentos do incremento poboacional pero facelo “sen mirar con ollos amorosos a uns e con odio a outros”, que é o que considera que sucede aquí.
A chegada do verán eleva a poboación da comarca do Salnés – Arousa e, nese sentido, os socialistas comparten que é importante reforzar as dotacións. “Ten sentido facelo, e pode ter sentido incluso que unha ambulancia medicalizada extra na comarca poda ter base en Sanxenxo
- O Grove para atender principalmente a esa zona e servir de apoio para todo o resto da comarca”, pero segundo Torrado “o que non ten sentido é facelo a costa de retirala da base do Salnés, porque o resto da comarca temos un aumento poboacional tamén, con moitos eventos que van xerar necesidades” entre os que citou as festas do Albariño, a Romería Vikinga, as festas de San Roque en Vilagarcía, a celebración do Atlantic Fest “e a constante presenza de visitantes que veñen veranear á nosa terra nos concellos de Arousa”. “Esta comarca é a terceira poboación de Galicia en verán, tras Coruña e Vigo”, apuntou o secretario xeral de Vilagarcía como argumento para reclamar que non se perdan servizos.
- A dotación dunha ambulancia básica, de moita menor capacidade resolutiva, que apenas funcionará a metade do día (12h) é “unha burla que o goberno de Galicia fai sobre a comarca de Arousa”, apuntou Julio Torrado. “Non hai maneira de explicar que cando chega o verán o SERGAS argumente que necesitamos menos servizos á vez que dota a Sanxenxo dunha ambulancia argumentando que necesita máis”.
“De entre todas as decisión que toma o SERGAS, esta parece das máis absurdas e menos comprensibles” concluiu Torrado.

