Telmo Marín acomete a aberración de converter a balustrada de Silgar nun símbolo do feísmo da súa política de aceiro e formigón

Redacción

A pesares do rexeitamento veciñal, o alcalde promoveu a colocación dunha baranda de metal por riba da pedra, acabando por completo cunha das postais icónicas da historia do municipio

O BNG recorda que Martín “asegurou que a pedra non se ía tocar” e se pregunta “quen é o que se dedicou a difundir bulos e a mentir á cidadanía”

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo denuncia a aberración acometida polo Partido Popular, co alcalde Telmo Martín á cabeza, na baranda de pedra do Paseo de Silgar. A pesar da oposición veciñal xurdida a raíz da denuncia pública feita polos nacionalistas sobre as intencións do señor Martín de acabar cun dos símbolos históricos do pobo, finalmente o Goberno local permitiu a utilización de aceiro para instalar unha pasarela pasarela sobre a pedra. “É unha mágoa e unha vergonza que unha das postais históricas de Sanxenxo pase a converterse no símbolo do feísmo que caracteriza a política de aceiro, cemento e formigón de Telmo Martín”, lamentan desde o Bloque.

Esta actuación confirma que desde o primeiro momento a intención do Goberno do Partido Popular era instalar ‘inox’ nesta emblemática peza de pedra, a pesares das afirmacións do alcalde. “Unha vez máis, o señor Martín vólvese rir da veciñanza e a mentir a todas e todos. De xeito descarado”, afirma o BNG, que recorda a esperpéntica comparecencia pública realizada polo alcalde a principios de maio, cando os nacionalistas alertaron do proxecto inicial, que contemplaba a substitución da pasarela de pedra por aceiro. “O alcalde asegurou entón que a b alaustrada non se ía tocar e agora xa vemos o resultado. E aínda tivo a desfachatez de acusar ao noso grupo de difundir bulos,cando o único que falta á realidade é el”, critican os nacionalistas. Unha vez máis, o propio Telmo Martín déixase el mesmo en evidencia coas súas mentiras, como ocorreu cando prometeu baixar impostos e acometeu unha suba brutal apenas uns meses despois. “Sanxenxo merece un alcalde que non se ría de xeito descarado da súa veciñanza”, aseguran os e as responsables do Bloque, que insisten en que había outros métodos para facer cumprir a normativa de seguridade na zona.
“Desde o primeiro momento nós propuxemos que se alzase a pedra, xa que sería unha actuación con moito menos impacto visual. Agora, atopámonos cunha balaustrada centenaria rechea de aceiro, unha auténtica chapuza que leva o selo de Telmo Martín”, denuncian os nacionalistas, que se preguntan que tería acontecido se o BNG non alertase dos plans iniciais do alcalde, que provocaron as posteriores mobilizacións en contra desta medida. “O señor Martín non tivo máis remedio que recuar, aínda que a súa pretensión de encher de aceiro este lugar tan emblemático ao final se fixo realidade”, conclúen.

Comparte este artigo