O concello da Lama presenta a programación do verán cultural 2026 con actividades para dinamizar o municipio durante os meses de xullo e agosto

Redacción

David Carrera, Plácido Pillado e Trinidad Fernández deron a coñecer unha programación, impulsada a través da OMIX, que combina música, lecer, deporte, actividades infantís e iniciativas para todas as idades.

O alcalde da Lama, David Carrera, acompañado polo concelleiro de Cultura e Deportes, Plácido Pillado, e pola concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Trinidad Fernández, presentou esta mañá o programa do Verán Cultural 2026, unha completa proposta de actividades organizada polo Concello da Lama a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) co obxectivo de ofrecer alternativas de lecer saudable, fomentar a participación veciñal e dinamizar a vida social e cultural do municipio durante os meses de xullo e agosto.

O programa reúne unha ampla variedade de iniciativas pensadas para todos os públicos, desde concertos, andainas e actividades deportivas ata propostas infantís, eventos interxeracionais e accións de sensibilización social, consolidando o Verán Cultural como unha das citas máis destacadas do calendario anual da Lama.

Durante a presentación, o alcalde David Carrera destacou que “esta programación responde ao compromiso do Concello por achegar a cultura, o deporte e o lecer a toda a veciñanza, convertendo os espazos públicos en lugares de encontro e convivencia durante o verán”. Así mesmo, agradeceu o traballo realizado polo persoal da OMIX e de todas as áreas municipais implicadas na organización das actividades.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura e Deportes, Plácido Pillado, subliñou a aposta por unha programación “diversa e equilibrada, na que teñen cabida tanto a música en directo como as actividades deportivas, familiares e tradicionais, favorecendo a participación de persoas de todas as idades”.

A concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Trinidad Fernández, incidiu na importancia de promover “un programa inclusivo, pensado para favorecer a participación de toda a veciñanza e reforzar os valores da convivencia, a igualdade e o envellecemento activo a través de propostas adaptadas a diferentes colectivos”.

UN AMPLO CALENDARIO QUE ARRANCA O 10 DE XULLO

O programa comezará o venres 10 de xullo co concerto do grupo Os Revenidos, que actuará ás 23:45 horas no Campo da Festa de Verducido. As actividades continuarán o xoves 16 de xullo co concerto de Vanesa Muela e Banda Traka, previsto para as 21:30 horas na Praza da Pedreira.

O domingo 19 de xullo celebrarase a Andaina Circular por Xesta, con saída ás 10:00 horas desde a igrexa da parroquia. A música volverá ser protagonista o domingo 26 de xullo, cando a Banda Artística de Arcade ofrecerá un concerto ás 19:30 horas na Praza da Pedreira.

O luns 27 de xullo desenvolverase unha intensa xornada con dúas actividades de grande interese. Ás 19:30 horas, a Banda de Música Municipal da Lama actuará na Praza da Pedreira; posteriormente, ás 20:30 horas, a Alameda da Lama acollerá unha Exhibición de Zumba Solidaria.

O martes 28 de xullo, ás 17:00 horas, terá lugar un Paseo en piragua polo río Verdugo, con saída desde a Praia Fluvial de Verdugo, mentras que propostas familiares continuarán o mércores 29 de xullo coa celebración dunha Festa Infantil con hinchables, que se desenvolverá a partir das 17:00 horas na Alameda da Lama.

O xoves 30 de xullo, tamén ás 17:00 horas, o edificio de Multiusos da Lama acollerá a actividade infantil “Aventuras dos 7 mares”. O mes de xullo despedirase o venres 31 coa celebración da Festa Oitentera, que encherá de música e ambiente a Alameda da Lama desde as 22:00 horas.

Xa en agosto, o luns 3, o Multiusos da Lama será escenario da actividade “Verán de Lecer Consumo”, programada para as 17:00 horas. O martes 4 de agosto, ás 14:30 horas, celebrarase o tradicional Xantar da 3ª Idade nas Ermidas, na Carballeira das Ermidas.

O mércores 5 de agosto, ás 17:00 horas, a Alameda da Lama acollerá Aquagames, xogos con auga, unha proposta especialmente pensada para a rapazada e, finalmente, o xoves 6 de agosto, o programa pecharase co concerto de Acorde Son do Verdugo, que actuará ás 20:30 horas na Praza da Pedreira.

Desde o Concello da Lama animan á veciñanza e ás persoas que visiten o municipio durante o verán a participar nesta programación, deseñada para converter a Lama nun referente de convivencia, cultura e lecer ao aire libre.

O Verán Cultural 2026 conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e reafirma a aposta do Concello por ofrecer unha programación de calidade que contribúa á dinamización social, cultural e económica do municipio.

Comparte este artigo