As Festas do Carme 2026 arrancaron hoxe coa tradicional Batalla de Flores, que, un ano máis, encheu as rúas de cor, creatividade e ambiente familiar.
Nesta edición participaron un total de seis carrozas, elaboradas con mimo e dedicación por colectivos e veciñanza, que percorreron o centro urbano nun desfile que congregou a centos de persoas.
Un dos aspectos máis destacados foi a implicación da cativada, coa participación de 18 nenos e nenas de Marín, que deron vida ás distintas composicións florais e contribuíron a manter viva unha tradición profundamente arraigada na vila.
Ao longo da xornada, as Festas do Carme volveron converter Marín nun punto de encontro para veciños e visitantes, nun ambiente no que tradición, cultura popular e convivencia foron os grandes protagonistas.
Coa celebración da Batalla de Flores, Marín inicia oficialmente unha semana na que a programación combinará propostas para todos os públicos, con actividades infantís, concertos, espectáculos, tradición relixiosa, cultura popular e grandes verbenas, consolidando estas festas como unha das citas máis importantes do verán nas Rías Baixas.
O venres, pregón, música e inicio das grandes citas festivas
A programación continuará este venres cunha intensa actividade desde primeira hora da tarde e con CAMBIO DE HORARIOS INICIAIS, debido ao partido da Selección.
Ás 19.00 horas abrirán as atraccións de feira instaladas na Praza de España e, sobre todo, darase o gran pistoletazo de saída das festas: a lectura do Pregón, a cargo do Marín Club de Fútbol, na Alameda.
Ademais, a Alameda acollerá desde as 20.00 e ata as 00.00 horas a quinta edición da Festa do Viño da IXP Ribeiras do Morrazo.
Tamén ás 20.00 horas, a Charanga Jalácticos percorrerá rúas e prazas da vila poñendo a nota musical mentres non arranca, ás 21.00h, a gran cita deportiva da tarde: o partido de Cuartos de Final do Mundial entre España e Bélxica, que poderá seguirse na pantalla grande da Alameda.
Ao remate, terá lugar a actuación de Son das Tabernas nese mesmo lugar e no Parque Eguren arrancará o Marín Dance Festival, que reunirá sobre o escenario a MRJ, Alex G, Jose de Rico, Matrek, Vince Stone e Kike Varela.

