O BNG reclama unha accesibilidade real nas praias

Redacción

Lucía Santos considera que actuacións como a executada na praia de Mogor supoñen un avance, pero resultan insuficientes para garantir unha accesibilidade efectiva. Reclama completar as intervencións en todas as praias con pasarelas ata a beira do mar, cadeiras anfibias e outras medidas que permitan un uso real e autónomo dos areais

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) volveu reclamar no pleno celebrado o pasado 8 de xullo medidas que garantan unha accesibilidade real nas praias de Marín para as persoas con mobilidade reducida. A formación nacionalista lembra que esta é unha demanda recorrente e que xa no pasado ano presentara unha moción específica para avanzar cara a uns areais verdadeiramente inclusivos.

A proposta trasladada ao equipo de goberno do Partido Popular (PP) e aprobada polo pleno incluía a instalación de pasarelas que permitan chegar ata a auga, a creación de zonas de descanso accesibles e a posta en marcha dun plan que faga accesibles todos os areais da vila.

Desde o BNG valoran positivamente que as obras executadas na praia de Mogor, financiadas a través dos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP), incorporasen melloras nos accesos á praia. Con todo, consideran que esas actuacións deben completarse para garantir unha accesibilidade efectiva.

Segundo sinalan, a situación actual evidencia que as melloras realizadas non son suficientes, xa que unha persoa con mobilidade reducida pode acceder ao paseo ou ás plataformas habilitadas, pero segue atopando dificultades para chegar ata a area e á beira do mar. Para o BNG, a accesibilidade non pode limitarse a permitir contemplar a praia, senón que debe garantir que todas as persoas poidan utilizala en igualdade de condicións.

A formación lembra que tanto a lexislación estatal como a galega obrigan ás administracións públicas a eliminar barreiras e garantir a igualdade de acceso aos espazos públicos. Neste sentido, defenden que as actuacións nas praias non poden limitarse á mellora dos accesos, senón que deben permitir que todas as persoas poidan desfrutar da praia con autonomía e seguridade.

O BNG insta ao Goberno local do PP a incorporar a accesibilidade como un criterio prioritario nas actuacións das praias, completando as actuacións previstas con pasarelas accesibles ata a auga, zonas de descanso adaptadas, cadeiras anfibias e os medios necesarios para garantir un baño accesible.

Comparte este artigo