O Concello de Mos celebrou esta mañá un acto institucional de recoñecemento á excelencia educativa co obxectivo de distinguir o alumnado do municipio que acadou os mellores resultados académicos durante os cursos 2024/2025 e 2025/2026.
Durante o acto fíxose entrega un diploma conmemorativo ao alumnado que obtivo a Matrícula de Honra en Bacharelato e tamén aos estudantes recoñecidos polos seus excelentes resultados na Proba de Acceso á Universidade (PAU), poñendo en valor o seu esforzo, dedicación e compromiso coa formación.
No curso 2024/2025 foron recoñecidos Noa Arosa, Paula Maceira, Shaila Pintos, Alba Sotelo, Iván Belousov, Sofía Bugarín e Tania Diéguez. Paula Maceira, Sofía Bugarín e Tania Diéguez destacan por obter ambos os recoñecementos, tanto pola súa Matrícula de Honra como polos resultados acadados na PAU.
Polo que respecta ao curso 2025/2026, recibiron este recoñecemento Adrián García, Rita Lago, Izan Martínez, Israel Romero, Marta Pérez e Laura Nogueira. Adrián García, Izan Martínez e Israel Romero obtiveron igualmente o dobre recoñecemento en Bacharelato e na PAU.
O Concello de Mos fixo tamén unha mención especial a Xiana Carrera Alonso, distinguida co Premio Extraordinario Fin de Carreira 2026 polo seu dobre grao en Matemáticas e Informática na Universidade de Santiago de Compostela, cun brillante expediente académico. Aínda que non puido asistir ao acto por atoparse desenvolvendo a súa carreira profesional nos Estados Unidos, o Concello de Mos quixo incluír este recoñecemento como exemplo da capacidade e do talento da mocidade mosense.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, subliñou que “cando un estudante alcanza a excelencia, detrás hai moitas horas de traballo, o apoio das familias e o compromiso do profesorado. Hoxe queremos dicirlles que Mos está orgulloso deles e que son un exemplo para toda a nosa mocidade”.
Con esta iniciativa, o Concello de Mos reafirma o seu compromiso coa educación e coa promoción da cultura do esforzo, recoñecendo publicamente a quen demostra que o traballo, a perseveranza e a excelencia son os mellores piares para construír o futuro.

