Os socialistas locais valoran moi positivamente o paso dado por Zona Aberta, e confían en que a participación sexa ampla
O secretario xeral local Julio Torrado adianta que os socialistas asistirán “sen bandeiras nin pancartas” e defendendo que “non vai de colgarse medallas senón de conseguir un servizo”
A Agrupación socialista de Vilagarcía apoia de maneira decidida a convocatoria de Zona Aberta dunha concentración este xoves para reclamar a ambulancia medicalizada no Hospital do Salnés durante todo o ano, a maiores de que poida destinarse outra como extra para Sanxenxo, “cuestión que nós vimos defendendo dende antes que o SERGAS o decidise”, como lembra o o secretario xeral local Julio Torrado.
Dende a agrupación socialista valoran “moi positivamente” o paso dado por Zona Aberta, que consideran un exemplo de implicación cidadá cos servizos públicos e, en especial, coa sanidade pública. Nesta liña est convencidos de que a cidadanía responderá e haberá un gran apoio local e comarcal, “como sempre houbo nas reivindicacións como o Hospital ou o novo centro de saúde”.
Torrado adiantou tamén que os socialistas participarán “sen bandeiras, sen siglas e sen pancartas”. “Aquí xa todos e todas sabemos quen somos e esta concentración non é o día de exhibir partidismo e buscar medallas por lucir bandeiras máis grandes. O obxectivo é común e non fai falta nada máis”. O deputado autonómico confía en que todo o mundo entenda así, “pero cada quen o valora como considere”.

