O BNG esixe o acondicionamento da contorna de Punta Seame e o asfaltado completo Camiño da Fontiña, en Montalvo

Redacción

O Goberno local mantén o seu desinterese absoluto á hora de preocuparse pola situación de lugares e núcleos que non pertenzan a Silgar ou ao Porto Deportivo de Sanxenxo Punta Seame acumula lixo e os accesos están en moi mal estado, mentres que na Fontiña a situación dun tramo do camiño supón un risco para a seguridade viaria

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo denuncia a situación de abandono total que presenta na actualidade, e desde hai xa bastantes semanas, a contorna de Punta Seame. Os nacionalistas fanse eco das queixas recollidas por numerosos veciños e veciñas desta zona, que se atopa entre Portonovo e a praia de Canelas e que nas inmediacións alberga establecementos de hostalería e tamén vivendas.

A falta de limpeza, a acumulación de lixo, a ausencia de traballos de desbroce ou o mal estado no que están os accesos, o que dificulta seriamente a mobilidade, son algunhas das cuestións ás que fai mención o Bloque, que insta ao Goberno local a que adecente este espazo canto antes. “Estamos a falar de tarefas sinxelas, que non requiren custos a maiores. O Concello segue na súa teima de centrar exclusivamente os seus esforzos en Silgar e o Porto Deportivo de Sanxenxo, esquecéndose por completo doutros núcleos e lugares máis afastados do centro”, apuntan desde o BNG. Non hai que esquecer que Punta Seame atópase dentro da Ruta do Padre Sarmiento e ofrece unha vistas espectaculares da boca da ría de Pontevedra, con Ons e Cíes coma protagonistas, polo que son moitas as persoas que se achegan habitualmente ata este emprazamento, do que agora mesmo non poden gozar pola falta de eficiencia de Telmo Martín.

Froito deste desinterese polas parroquias é tamén o pésimo estado dun tramo da vía secundaria da Fontiña, en Montalvo. Unha parte deste camiño permanece a día de hoxe sen asfaltar, a pesares das queixas de residentes. A situación é especialmente preocupante porque o camiño é de dirección única, con baixada desde o Hotel Atlántico, polo que os vehículos vense na obriga de atravesar este tramo. O BNG esixe a súa mellora e asfaltado.

Comparte este artigo