Marga Caldas reclama que o goberno local esixa ao Estado a clarificación da titularidade do inmoble e promova unha alianza co Ministerio e a Xunta para poñelo ao servizo da veciñanza
O Bloque Nacionalista Galego de Poio vén de presentar unha moción para reclamar que o Concello de Poio exerza o papel que lle corresponde na defensa do patrimonio histórico do municipio e lidere as xestións necesarias para garantir a titularidade pública da Casa Barroca de Combarro, abrindo unha vía de colaboración institucional co Ministerio de Cultura e a Xunta que permita recuperar o histórico proxecto do Museo de Artes e Tradicións Populares.
A voceira Marga Caldas explica que o conxunto histórico de Combarro conta na rúa Rambla (a carón do inmoble que está a rehabilitar a Deputación) cunha xoia arquitectónica coñecida como Casa Barroca que destaca pola súa longa balconada de pedra. Este inmoble fora obxecto de expropiación forzosa entre os anos 1972 e 1973 por parte da Dirección Xeral de Belas Artes co obxecto de convertelo no Museo de Artes e Tradicións Populares do litoral galego.
A pesares de que en 2021 o Ministerio de Cultura negaba ter constancia da súa condición de propietario, recentes investigacións promovidas pola Asociación A Solaina e do traballo do catedrático da Universidade de Vigo Rafael Vallejo Pousada achegaron nova documentación sobre a adquisición do inmoble polo Estado, habendo probas da compra do edificio, da autorización do pagamento da expropiación e da confirmación posterior da súa adquisición por parte da Dirección Xeral de Belas Artes.
A portavoz nacionalista considera que estes novos datos “despexan calquera dúbida sobre a obriga das administracións de actuar para protexer un edificio que forma parte da historia e da identidade de Combarro”. Ao seu xuízo, “o Concello non pode permanecer como un simple espectador mentres continúan as incertezas e existe o risco de que poidan producirse intentos de apropiación privada”.
Para o BNG, o goberno local debe asumir un papel activo e liderar a defensa do patrimonio municipal, reclamando formalmente ao Ministerio de Cultura que esclareza definitivamente a situación xurídica da Casa Barroca e impulse a súa inscrición rexistral como patrimonio público. “O peor que lle pode pasar a este edificio é seguir atrapado nun limbo administrativo despois de máis de medio século. Hai documentación suficiente para actuar e o Concello ten a responsabilidade de poñerse á fronte desa reivindicación”, sinala Marga Caldas.
Así, a moción presentada polo Bloque propón abrir unha mesa de colaboración entre o Ministerio de Cultura, a Xunta de Galicia e o Concello de Poio para recuperar e actualizar o proxecto museístico concibido hai máis de cincuenta anos, de maneira que a Casa Barroca poida albergar o Museo de Artes e Tradicións Populares ou un museo dedicado ao mar e á cultura da Galiza litoral.
Segundo explica Marga Caldas, “Combarro non necesita máis edificios históricos pechados nin patrimonio abandonado. Precisa proxectos que reforcen a súa identidade, que dignifiquen a súa historia e que xeren actividade cultural durante todo o ano”. A nacionalista subliña que a recuperación do museo permitiría poñer en valor o patrimonio marítimo e etnográfico do país, ao tempo que ampliaría a oferta cultural do municipio cun equipamento de referencia.

