- Convertirase nun espazo cultural de uso comunitario cunha inversión de 48.000 euros
As obras avanzan a bo ritmo na antiga Unitaria de Chenlo. Uns traballos que a converterán nun espazo cultural de uso comunitario, recuperando así un edificio que durante moito tempo foi un alicerce fundamental como escola. Deste xeito, este espazo volverá ter nenos, nenas e maiores, que poderán desenvolver aquí diversas actividades: cursos, obradoiros, exposicións e outros eventos “que axudarán a dinamizar a parroquia- explica o alcalde, Alejandro Lorenzo – ademais de recuperar un importante patrimonio de Chenlo e do Porriño, como é este edificio ao que daremos unha nova vida”.
O rexedor visitaba xunto a Ramón Porto, o Concelleiro de Vías e Obras, os traballos nos que se están a investir 48.000 euros, na súa maioría orientados a ampliar e optimizar os espazos do edificio, pero tamén a facelo máis eficiente coa impermeabilización do tellado ou a reparación das humidades existentes. Reformaranse ademais os baños, facéndoos accesibles para adaptalos ás normativas de accesibilidade e confort e cambiando as canalizacións e a instalación interior de fontanaría, así como a instalación eléctrica.
Reformarase tamén o acceso ao novo local social e o seu interior, eliminando as barreiras arquitectónicas, facilitando a mobilidade e garantindo un espazo inclusivo para que todas as persoas poidan ter cabida.
Outro punto importante do orzamento que se está a executar é a reforma do salón de actos, coa ampliación de espazos, que será o espazo onde se poderán realizar grandes eventos.
Recuperación do patrimonio local
Esta iniciativa enmárcase dentro do plan municipal de recuperación e posta en valor de edificios singulares nas distintas parroquias. Neste senso, a antiga escola unitaria de Pontellas comezará a funcionar xa este mes de setembro como escola infantil, logo de ser rehabilitada e ampliada para albergar así as cinco aulas das que dispón, ademais de vestíbulo, oficina, sala multiusos, aseos, vestiario, despensa e cociña. A antiga escola unitaria de Covelo, en Atios, será un centro de día.

