Curtas Festival do Imaxinario abre a convocatoria de «CURTAS IMAXINA», o seu primeiro mercado de proxectos e encontro profesional de cinema fantástico

Redacción
O festival de Vilagarcía de Arousa impulsa un novo espazo de pitchingnetworking e reunións one-to-one enfocado á creación, produción e distribución do xénero fantástico.A xornada celebrarase o 24 de outubro de 2026 no marco da 54.ª edición do certame, e megará un premio ao Mellor Proxecto dotado con 666 euros.
Curtas Festival do Imaxinario da un paso máis no seu compromiso coa industria e o talento emerxente co lanzamento de Curtas Imaxina, a I Xornada de Encontros Profesionais e Mercado de Proxectos de Cine Fantástico de Galicia. A cita, que terá lugar o vindeiro 24 de outubro de 2026, nace coa vocación de converterse nun punto de conexión clave entre creadores, produtoras e intermediarios do sector.Esta iniciativa busca construír un contorno de convivencia áxil e directo onde convivan cineastas consolidados e novos valores. A través de presentacións públicas (pitching), sesións de networking e itinerarios de reunións privadas (one-to-one), os seleccionados poderán poñer a proba a viabilidade comercial das súas propostas e tecer alianzas estratéxicas para levalas a cabo.Convocatoria aberta a longametraxes, curtas e seriesO prazo de inscrición para participar nesta primeira edición estará aberto desde o 27 de xullo ata o 20 de setembro de 2026. A convocatoria diríxese a persoas físicas (directores/as, guionistas) e xurídicas (produtoras independentes) maiores de 18 anos que meguen con un proxecto en fase de desenvolvemento ou produción encadrado dentro do cine fantástico, a ciencia ficción ou o terror. Aceptanse formatos de longametraxe, curtametraxe e serie, xa sexan de ficción, animación ou documental.A inscrición é totalmente gratuíta e realízase de forma telemática adxuntando un dossier en formato PDF coa información técnica e artística do proxecto. De entre todos os candidatos, un comité seleccionará un máximo de 15 propostas, que se darán a coñecer o 5 de outubro de 2026.Un premio con selo fantástico e espazo para a industriaOs proxectos seleccionados disporán duns 10 minutos de exposición para defender o seu traballo ante un panel de profesionais e empresas do sector audiovisual. Como aliciente económico e apoio ao desenvolvemento, un xurado especializado concederá o galardón ao Mellor Proxecto Curtas Imaxina, dotado con un premio de 666 €.Ademais do espazo de presentación, a xornada incluirá momentos de intercambio distendido —con pausas para café e cóctel— orientados a fortalecer o tecido industrial e impulsar a forza do audiovisual fantástico galego e internacional.As bases completas da convocatoria e o formulario de inscrición xa están dispoñibles na web oficial do festival (https://curtas.org/curtas-imaxina/). Para resolver dúbidas ou ampliar información, as produtoras e profesionais interesados poden dirixirse ao correo imaxina@curtas.org.
SOBRE CURTAS FESTIVAL DO IMAXINARIO
Cunha traxectoria que se remonta a 1973, o Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa consolídase como o decano dos certames audiovisuais en Galicia e un referente absoluto para o xénero fantástico e de terror. Máis que un evento estritamente cinematográfico, o Festival Internacional de Cinema Fantástico de Galicia constitúe unha experiencia multidisciplinar que transforma a cidade na capital do extraordinario, integrando cine, literatura, banda deseñada e artes visuais nunha proposta cultural única.A solvencia e calidade do festival están avaladas polas principais institucións do sector. Curtas é membro oficial da Méliès International Festivals Federation (MIFF), o que lle permite outorgar anualmente o prestixioso selo Méliès d’Argent á mellor curtametraxe fantástica europea. Recentemente, foi recoñecido coa EFFE Label 2026-2027, o distintivo de calidade que outorga a European Festivals Association (EFA) co apoio da Comisión Europea, e figura na exclusiva listaxe de Dread Central como un dos 90 mellores festivais de xénero de todo o mundo. Ademais de ser festival cualificador dos premios Goya na súa categoría de curtametraxe.Declarado Evento de Interese Turístico polo Concello de Vilagarcía de Arousa, o festival ofrece cada outono unha coidada selección internacional de longametraxes e curtas, complementada cunha axenda de encontros con creadores de primeiro nivel, exposicións inéditas e obradoiros. En Curtas, a imaxinación non é só o obxecto da pantalla, senón o motor dunha cita ineludible que celebra o fantástico en todas as súas formas.
Curtas Festival do Imaxinario celebrará a súa 54 edición do 23 de outubro ao 1 de novembro co apoio institucional do Concello de Vilagarcía de Arousa, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, e o patrocinio de De Angeles FilmsRei ZentoloAcción Cultural EspañolaDCP ReadyFactoria do LumeGadisHarald House e The Post Office.
Comparte este artigo