Os nacionalistas critican o “gasto desmesurado” dun orzamento que supera os cinco millóns de euros, que se investirán nunha infraestrutura que “debería estar noutro emprazamento”
O voceiro do Bloque, Octavio González, insta ao alcalde a que escoite e teña en conta as necesidades e demandas dos praceiros e praceiras dos Mercados de Abastos de Sanxenxo e Portonovo
Unha vez máis, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego deixou claro o seu posicionamento en contra do macroproxecto que Telmo Martín pretende desenvolver na parcela do antigo Mercado de Abastos de de Sanxenxo. Unha obra que conlevará un gasto desmesurado, de máis de 5,5 millóns de euros, nunha época na que “seguramente hai moitas outras actuacións máis urxentes, nas que si tería moito máis sentido facer investimentos ambiciosos”, tal e como sinalou o voceiro do Bloque, Octavio González.
Os nacionalistas, por unha cuestión de coherencia, volveron opoñerse na votación da adxudicación do proxecto. “É un auténtico despilfarro”, lamentou o voceiro do BNG, que apuntou que “temos moi claro que non é o momento, nin o lugar nin a contía a investir a día de hoxe”. Os nacionalistas entenden que o Concello de Sanxenxo debería priorizar outras cuestións, como potenciar investimentos de carácter social, en vez de impulsar un novo proxecto que “é unha mostra máis da política de cemento e formigón de Telmo Martín”.
A actuación proxectada polo Partido Popular arroxa bastante dúbidas, como o feito de que a avenida de Madrid sexa o emprazamento axeitado para acoller unha infraestrutura como a do Mercado, que ademais, tamén acollerá salas polivalentes ou un espazo de estudo.
“Algúns destes servizos, como a Aula de Estudo, non poden agardar anos mentres as promesas de Telmo Martín quedan no caixón. Se precisamente a veciñanza conta hoxe cunha aula para poder estudar (en Portonovo) é grazas á insistencia do BNG”, recorda Octavio González, que, á hora de opoñerse a este proxecto, tamén fixo mención aos problemas de estacionamento que existen nesta zona. As prazas que se contemplan no aparcadoiro subterráneo son insuficientes para satisfacer a demanda, especialmente durante o verán.
Por último, Octavio González e os seus compañeiros e compañeiras do BNG instan ao alcalde a que teña en conta as necesidades e as inquedanzas dos traballadores e traballadoras dos Mercados de Abastos de Sanxenxo e de Portonovo. “O señor Martín, en vez de prometer obras faraónicas, primeiro debería escoitar as demandas do sector e implicarse en buscar solucións co tecido empresarial, para darlle unha volta ao sistema actual, que está a pasar factura aos praceiros e praceiras”, finalizou.

