- As solicitudes presentadas no mes de marzo ao abeiro da Liña 1 – Investimentos do Plan Máis Provincia atópanse actualmente en tramitación e en breve emitirase a resolución
O Concello da Guarda vén de presentar tres solicitudes de subvención ao abeiro da Liña 1 – Investimentos do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra, cun importe total de 481.509,53 euros, destinadas a impulsar actuacións estratéxicas para o desenvolvemento do municipio, a mellora das infraestruturas públicas e a resposta ás necesidades da veciñanza. Os expedientes atópanse actualmente en fase de tramitación e a resolución por parte do ente provincial prevese para as próximas semanas.
As actuacións solicitadas abranguen a creación da nova zona deportiva na Sangriña, a mellora da accesibilidade urbana mediante a conexión das rúas Baixo Muro e Ireira e a rehabilitación da antiga escola de San Lorenzo.
A principal das solicitudes ascende a un total de 225.000 euros, distribuídos en 94.157,59 euros con cargo ao Plan Máis Provincia 2026 e 130.842,41 euros ao Plan Máis Provincia 2027, destinados ao financiamento da achega municipal do proxecto da zona deportiva da Sangriña.
O investimento global previsto alcanza os 900.000 euros, e permitirá executar a primeira fase da transformación deste espazo deportivo que contempla a construción de dúas pistas de tenis, unha delas cuberta, así como uns novos vestiarios, dotando á Guarda dunhas instalacións modernas, funcionais e adaptadas ás necesidades dos clubs, deportistas e usuarios.
A segunda solicitude corresponde ao proxecto de Urbanización da prolongación da rúa Baixo Muro e conexión coa rúa Ireira, cun importe de 106.877,41 euros, con cargo ao Plan Máis Provincia 2026-2027.
Esta intervención permitirá eliminar unha importante barreira arquitectónica existente na zona, creando un itinerario accesible que facilitará o tránsito de persoas con mobilidade reducida, usuarios de cadeiras de rodas, persoas maiores ou familias con carriños infantís, evitando os actuais tramos de escaleiras.
A actuación contempla a demolición da parcela e parte das estruturas da vivenda situada na rúa Ireira, permitindo a conexión entre ambas rúas sen desniveis, así como a instalación de bancos e pequenas árbores que contribuirán a humanizar e embelecer o novo espazo urbano.
Cómpre lembrar que o Concello da Guarda xa realizou un importante esforzo económico coa adquisición do inmoble necesario para executar este proxecto, cun investimento municipal de 102.500 euros, paso imprescindible para facer posible esta intervención, desbloqueando así unha demanda histórica do municipio.
A terceira solicitude presentada ascende a 149.632,12 euros, con cargo ao Plan Máis Provincia 2026, e destinarase á substitución da cuberta e á dotación de novo mobiliario da antiga escola de San Lorenzo.
Con esta actuación o Concello continúa apostando pola recuperación e posta en valor do patrimonio municipal, garantindo a conservación dun edificio de uso veciñal e mellorando as súas condicións para que poida seguir prestando servizo á parroquia.
En conxunto, o Concello da Guarda opta a un financiamento de 481.509,53 euros a través do Plan Máis Provincia, recursos que permitirán avanzar en tres proxectos de grande relevancia para o municipio e que responden tanto ás necesidades actuais da cidadanía como aos obxectivos de mellora das infraestruturas municipais.
Estas solicitudes son totalmente independentes da subvención de 710.000 euros xa concedida pola Deputación de Pontevedra para a adquisición da histórica Villa María, tamén coñecida como Casa de Don Eloi. Trátase, polo tanto, de catro investimentos diferenciados financiados ao abeiro do Plan Máis Provincia, que permitirán ao Concello seguir impulsando a modernización das infraestruturas, a conservación do patrimonio e a mellora dos servizos públicos.

