O alcalde David Carrera estivo presente no evento e supervisou o desenrolo da actividade que forma parte do programa do Verán Cultural.
Unhas 200 persoas participaron na xornada de piragüismo posta en marcha polo Concello da Lama no río Verdugo que tivo que botar man das embarcacións de reserva para atender a gran demanda suscitada por esta actividade.
As altas temperaturas e un sol radiante animaron aos participantes para surcar o río Verdugo en piragua, unha iniciativa lúdico-formativa para persoas de todas as idades, incluída dentro do plan de actividades do “Verán Cultural” do Concello da Lama e que conta coa colaboración do Club de Piragüismo de Vilaboa.
Os participantes, provistos obrigatoriamente de chaleco salvavidas e supervisados por monitores do Club de Piragüismo de Vilaboa, participaron, ao final en 6 quendas corridas desde as 17 horas, para facilitar un acceso máis organizado e equitativo entre as persoas rexistradas previamente nesta actividade e aquelas que se foron incorporando ao longo da xornada.
GOZAR DO RÍO VERDUGO DESDE OUTRA PERSPECTIVA
Durante a xornada, estivo presente o alcalde da Lama, David Carrera, que supervisou o normal desenrolo desta actividade que é xa un clásico estival no que os participantes gozan do río Verdugo desde outra perspectiva ben diferente.
O éxito deste evento confirma que esta actividade, pioneira e única no seu xénero na comarca do Verdugo-Oitavén, é unha cita obrigada do verán para os veciños e veciñas da Lama e os seus visitantes xa que lles permite un maior goce do tempo libre familiar e favorece tamén a interrelación xeracional a través da práctica de actividades saudables e de encontro coa natureza.

