A intervención arqueolóxica desenvolvida entre os días 27 e 31 de xullo no cemiterio municipal de Chan da Ponte permitiu localizar un enterramento con restos óseos que poderían corresponder a unha das persoas cuxa localización se perseguía nesta actuación.
Os traballos, promovidos pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña e o Concello de Salvaterra de Miño, foron executados pola empresa Breogán Arqueoloxía e financiados pola Secretaría de Estado de Memoria Democrática a través da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
A actuación tiña como obxectivo a procura dos restos de Bernardo Bernárdez e Delfín Rey, asasinados en xullo e decembro de 1936, respectivamente, así como dunha terceira vítima de identidade descoñecida, atopada en estado de descomposición na beira do río Miño en xaneiro de 1937.
A escavación centrouse no antigo cemiterio civil, nunha superficie duns 30 metros cadrados situada na parte traseira do cemiterio vello e na contorna da antiga casa de autopsias. Como resultado da intervención localizouse un único enterramento, correspondente a un cadaleito que contiña os restos óseos dunha persoa aínda sen identificar.
No momento da exhumación, o médico e antropólogo forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA), Fernando Serrulla, realizou unha primeira valoración dos restos, concluíndo que poderían corresponder a un varón duns 50 anos con aparentes signos de traumatismo violento no cranio. Polas características observadas, non se descarta que poidan corresponder a Delfín Rey, ao ser a única das persoas procuradas cuxa idade e características físicas resultarían compatibles cos restos localizados.
A identificación definitiva dependerá agora dos resultados do estudo antropolóxicoforense e das análises xenéticas, xa en marcha, que permitirán determinar nos vindeiros meses a identidade da persoa exhumada.
O Concello de Salvaterra de Miño agradece o traballo desenvolvido por todas as persoas e entidades implicadas nesta intervención, que supón un novo avance no coñecemento da historia local.

