- O Goberno galego investiu 1 M€ na reconversión da antiga nave de Aceros del Tea nun espazo moderno de 1.400 m² e nos que practicamente a totalidade da trintena de postos dispoñibles están xa adxudicados
- Salienta que o novo espazo se converte no sexto recinto de Galicia en ingresar na Rede de Mercados Excelentes e que o obxectivo da Xunta é que “no ano 2030 haxa 25 mercados como este en Galicia”
- Esta acción enmárcase no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia, dotado con 320 M€ ata 2030 para a mellora dos establecementos de comercio local e fortalecer a economía dos concellos
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o novo mercado municipal en Ponteareas, Mercatea, como un exemplo da aposta do Goberno galego pola modernización e impulso ás prazas de abastos da comunidade. “Se queremos que os praceiros que teñen aquí o seu medio de vida sigan traballando e que todos os veciños e veciñas que queren seguir mercando no comercio de proximidade cousas que se producen aquí o sigan facendo, hai que facer edificios acordes e que estean ao nivel das esixencias actuais da xente”, sinalou.
Así o asegurou, acompañado do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, durante a inauguración destas novas instalacións, que, grazas ao impulso do Concello, dan unha segunda vida á antiga nave de Aceros del Tea, reconvertida agora nun recinto de 1.400 metros cadrados útiles. Rueda subliñou o alto atractivo do proxecto, constatado no feito de que practicamente a totalidade da trintena de postos dispoñibles están xa adxudicados.
Mercatea combina os comercios tradicionais —como peixería, carnicería e ultramarinos— con novas propostas de restauración e actividades complementarias, convertendo o mercado nun punto de compra de produtos de calidade e proximidade e un espazo de lecer para a veciñanza e tamén para o turismo. Neste sentido, a Xunta destinou 1 millón de euros co fin de financiar integramente a rehabilitación da nave e apoiar a súa posta en marcha. “Hai que manter as tradicións que nos fan sentir orgullosos; isto tamén é Galicia Calidade”, asegurou.
Recoñecemento á calidade
Rueda destacou que, ademais de supoñer a transformación do patrimonio industrial da vila nun espazo moderno, sostible e dinamizador da economía local, a nova praza de abastos pasa a formar parte da Rede de Mercados Excelentes de Galicia. Trátase do sexto mercado da comunidade en acadar este distintivo de calidade —que xa posúen Pontedeume, Tomiño, Vilagarcía, Carballo e Ribeira—, certificando a súa aposta pola profesionalidade, a accesibilidade e o produto de quilómetro cero.
Rueda adiantou que a Xunta traballa co obxectivo de que “no ano 2030 haxa 25 mercados como este en Galicia”, inseridos na Rede. Esta liña de actuación enmárcase no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia, dotado con 320 millóns de euros ata 2030, no que a modernización das prazas de abastos ocupa un lugar prioritario para fortalecer o comercio local, o emprego e a economía dos concellos.
Un compromiso que tamén se ve reflectido en múltiples iniciativas autonómicas como os Bonos Activa Comercio ou campañas Quere o teu mercado e Prato de Mercado, que achegan o mesmo propósito: certificar a excelencia característica dos produtos galegos que xa describe o selo Galicia Calidade.

