O BNG solicita o reforzo de sinalización nos pasos de peóns da Avenida de León ou a recta de Baltar para “evitar accidentes e desgrazas persoais”

Redacción

Os nacionalistas abordaron esta cuestión no pasado Pleno ordinario, no que advertiron de que moitos puntos para cruzar a pé a PO-308 non contan cunha sinalización suficiente, polo que unha solución pasaría por dotalos de sinais lumínicas

O BNG tamén insta ao Goberno local a que axilice a mellora da seguridade viaria en Arra e O Catadoiro, facendo realidade a proposta que os nacionalistas presentaron hai xa varios meses a petición da veciñanza de Portonovo

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo advirte da necesidade de reforzar a seguridade viaria en varias das rúas principais do concello.

No Pleno ordinario do mes de xullo, a concelleira Estrella Martínez fixo alusión a esta cuestión durante a quenda de rogos e preguntas, na que trasladou ao Goberno local unha petición para que se potencie a sinalización en diferentes pasos de peóns tanto en Sanxenxo como en Portonovo. A avenida de León ou a recta de Baltar son dous emprazamentos especialmente sensibles, dado o elevando tránsito de vehículos que circulan por estes tramos da PO-308, que se suma á gran cantidade de pasos para peóns existentes, a meirande parte dos cales non están sinalizados de maneira axeitada.

Tal e como sinalou a edil nacionalista, unha solución para dar máis seguridade tanto a persoas que cruzan a rúa como aos condutores e condutores pasaría por dotar a estes pasos de peóns de sinalización luminosa, como xa existen noutros tramos da PO-308 en concellos limítrofes. O BNG instou ao Goberno municipal a que faga as xestións pertinentes coa Xunta de Galicia, titular da estrada, para que leve a cabo esa mellora, que “pode resultar decisiva á hora de evitar posibles accidentes e danos persoais”. Desde o Bloque salientan que esta fórmula non supón un custo excesivo e que “faise especialmente necesaria nesta época do ano, cando a poboación de Sanxenxo se multiplica por 10 e se disparan os desprazamentos por estrada”. O propio alcalde recoñeceu durante a sesión plenaria que esta medida ten sentido, polo que o BNG confía en que se leve a cabo no menor tempo posible.

Ademais, os nacionalistas advirten da necesidade de que, especialmente durante este mes de agosto, a Policía Local reforce os dispositivos para controlar o tráfico e o tránsito de peóns en lugares nos que se producen máis aglomeracións, como poden ser a rúa Progreso ou a recta de Baltar, onde, ademais da celebración os luns e xoves do mercado, hai que engadir os postos de artesanía, que atraen a moita xente.

Por outra banda, o BNG tamén aproveitou a quenda de rogos e preguntas para solicitar ao Goberno municipal de Sanxenxo que acelere na medida do posible o proxecto para acometer a mellora da seguridade viaria entre Arra e O Catadoiro, en Portonovo. Cómpre lembrar que esta actuación xa fora proposta polo Bloque hai un meses, dando resposta a unha inquedanza de moitos veciños e veciñas desta zona, debido á ausencia de espazos para viandantes e ao exceso de velocidade coa que circulan algúns vehículos. Durante o verán, esta vía soporta un tráfico máis elevado, ao ser utilizada por moita xente para tratar de evitar as aglomeracións na PO-308.

Comparte este artigo