Unhas 300 persoas desafiaron á choiva e participaron no Xantar da 3ª Idade celebrado nas Ermidas

Redacción

Ademais do alcalde, David Carrera, asistiron o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, o director xeral de Maiores, Antón Acevedo, o xerente do Consorcio de Benestar, Perfecto Rodríguez, o alcalde de Cerdedo Cotobade e deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela e membros da Corporación Municipal lamense.

Unhas 300 persoas participaron no tradicional Xantar da Terceira Idade celebrado nas Ermidas, unha cita de convivencia e homenaxe ás persoas maiores e á emigración que se desenvolveu baixo unha gran carpa debido ás adversas condicións meteorolóxicas e que serviu de escenario para a actuación da Banda de Música Unión Cultural de O Campo Lameiro.

Ao encontro asistiron o alcalde da Lama, David Carrera; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López; o director xeral de Maiores, Antón Acevedo; o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez; o alcalde de Cerdedo Cotobade e deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela, así como membros da Corporación Municipal da Lama.

A choiva obrigou a trasladar ao interior da carpa a tradicional ofrenda floral na honra das persoas emigrantes e dos maiores, que habitualmente se celebra diante do cruceiro da Carballeira das Ermidas. O cambio de localización non impediu que o acto se desenvolvese nun ambiente emotivo e de confraternidade.

Durante a súa intervención, David Carrera agradeceu a presenza das persoas asistentes e destacou a súa disposición para participar na celebración a pesar do mal tempo.

“Hoxe demostramos, unha vez máis, que a choiva non pode cun concello unido, que sabe compartir e recoñecer a quen tanto fixo polo noso presente”, sinalou o alcalde.

Carrera lembrou tamén o papel fundamental desempeñado pola emigración no desenvolvemento social e económico da Lama. “Os nosos emigrantes contribuíron, co seu esforzo, o seu sacrificio e o seu permanente vínculo coa terra, ao progreso do noso concello. A Lama non se entendería sen a súa achega”, afirmou.

O rexedor dedicou igualmente unhas palabras de recoñecemento ás persoas maiores, ás que definiu como “un exemplo vital para as xeracións presentes e futuras”.

“Representades a memoria, a experiencia e os valores que debemos conservar e transmitir. Este xantar é unha pequena mostra do agradecemento e do cariño que vos debemos”, concluíu David Carrera.

A sobremesa estivo ocupada polo bo humor, o baile e a música da man da Charanga Os Encerellados que dinamizou a xornada animando aos asistentes a bailar diferentes pezas do seu repertorio.

Comparte este artigo