Marga Caldas considera “inaceptable” que o Concello manteña consumos de auga prescindibles mentres a veciñanza de Samieira e das zonas altas de Raxó sofre restricións
As nacionalistas lamentan que o comunicado municipal chegase “a remolque”, cando os cortes xa se estaban a producir
O BNG de Poio vén de criticar a “falta de previsión, actuación e criterio” do Goberno municipal de Ángel Moldes ante os problemas de abastecemento que están a provocar cortes de auga en Samieira e nas zonas altas de Raxó. Para a voceira nacionalista Marga Caldas, “o Concello limitouse a reaccionar cando o problema xa estaba enriba da mesa, en lugar de anticiparse e adoptar medidas de aforro desde o primeiro momento, mantendo consumos municipais prescindibles e irresponsables”.
As nacionalistas consideran especialmente preocupante que o Concello emitise o seu comunicado informativo onte, nun domingo, cando os cortes xa se viñan producindo e había veciños e veciñas afectadas desde o día anterior. “Non é de recibo que a veciñanza teña que quedar sen auga e pasar horas sen coñecer con claridade que está a suceder mentres o Concello tarda en ofrecer información oficial”, sinalan desde o BNG.
A formación nacionalista cuestiona tamén a falta de coherencia entre o chamamento actual do goberno local a realizar “un consumo responsable” e as actuacións realizadas polo propio Concello durante os últimos días. “Mentres se pide á veciñanza que aforre cada litro, o Concello estivo até hai ben pouco baldeando rúas e mantendo en funcionamento duchas e limpapés nas praias. Xa existían avisos sobre a situación dos recursos hídricos. O Concello de Pontevedra, de onde chega parte da auga ao municipio, advertiu hai semanas da situación. Por que Poio non actuou antes sobre os consumos?”, preguntan.
Para o BNG, a administración ten que dar exemplo. Non pode pedir responsabilidade á cidadanía mentres mantén gastos de auga que, nunha situación de escaseza, son perfectamente prescindibles”, subliñan.
O BNG tamén recolle a preocupación expresada pola veciñanza polo incremento do número de piscinas no municipio e pola necesidade de controlar os consumos extraordinarios en momentos de escaseza. “Non se trata de criminalizar a ninguén nin de estar contra o turismo ou contra as piscinas, senón de establecer criterios claros. Cando falta auga para garantir un servizo básico ás vivendas, o Concello ten que ter capacidade para detectar e evitar consumos desproporcionados e priorizar sempre o abastecemento para uso doméstico e esencial”, subliña Caldas.
Por iso, as nacionalistas reclaman ao Goberno de Moldes que explique desde cando tiña coñecemento da situación, que medidas preventivas adoptou, por que se mantiveron consumos municipais como o baldeo de rúas ou as duchas das praias até hai poucos días e que actuacións concretas vai poñer en marcha para evitar que os cortes volvan repetirse.
“O que necesita a veciñanza non son só desculpas nin recomendacións para que aforre auga cando xa está sufrindo cortes. Necesita previsión, información transparente e solucións. O Goberno de Moldes ten que deixar de actuar a remolque dos problemas e empezar a gobernar pensando tamén no día seguinte”, conclúe o BNG.

