O concello da Guarda garantíu un ano máis a seguridade do Domingo do Monte cun amplo dispositivo de emerxencias

Redacción
  • 40 efectivos participaron nun operativo coordinado para garantir a seguridade e unha resposta rápida ante calquera incidencia no Monte Trega

O Domingo do Monte volveu reunir onte no Monte Trega a numerosos guardeses e guardesas, así como visitantes, nunha das xornadas festivas máis multitudinarias do calendario festivo da Guarda.

Para garantir o correcto desenvolvemento da celebración e a seguridade das persoas asistentes, o Concello da Guarda activou un ano máis un amplo dispositivo de seguridade e emerxencias, que permitiu manter unha coordinación permanente entre os diferentes corpos e servizos implicados.         

O operativo estivo integrado por 40 efectivos de diferentes forzas de seguridade e emerxencias, coa participación da Guardia Civil, a través da Compañía de Tui, o Servizo de Proteción da Natureza (SEPRONA), a Unidade de Seguridade Cidadá da Comandancia (USECIC) de Pontevedra e a Unidade Pegaso da Guardia Civil, encargada da vixilancia mediante drons.

Tamén formaron parte do dispositivo a Policía Local da Guarda, a Policía Local de Tomiño, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Guarda e Protección Civil da Guarda e do Rosal, e axentes forestais, reforzando entre todos a presenza e capacidade de resposta ao longo da xornada. 

O Punto de Mando Avanzado (PMA) situouse, un ano máis, no campo de fútbol de Chans Vello, converténdose no centro de coordinación do dispositivo e permitindo manter unha comunicación directa e áxil entre os diferentes servizos. No PMA estiveron presentes durante a xornada o alcalde da Guarda, Roberto Carrero, e o concelleiro de Servizo Cidadá, Isidro Lomba, realizando o seguimento do operativo e da evolución da xornada.

A presenza coordinada dos diferentes corpos permitiu garantir unha rápida capacidade de actuación ante calquera situación, así como mellorar a coordinación entre os servizos de seguridade, emerxencias e asistencia sanitaria. A vixilancia aérea mediante drons contribuíu tamén ao control do espazo e ao seguimento da afluencia de persoas no Monte Trega.

O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, quixo poñer en valor o traballo realizado por todos os efectivos que participaron no dispositivo: “O Domingo do Monte é unha xornada na que A Guarda recibe a miles de persoas e, por iso, é fundamental contar cun dispositivo amplo e perfectamente coordinado”.  

Dende o Concello da Guarda queremos trasladar o agradecemento a todas as persoas que integraron o dispositivo de seguridade e emerxencias, así como á veciñanza e ás persoas visitantes pola súa colaboración para que o Domingo do Monte puidese desenvolverse con normalidade e nun ambiente festivo.

Comparte este artigo