López Campos ununcia o remate hoxe das obras de restauración da escultura da Inmaculada de Asorey na Estrada e a retirada das estadas

Redacción
  • O titular de Cultura do Goberno galego destaca que as actuacións solucionaron a afectación que o paso de tempo e a exposición a intemperie lle estaban a ocasionar
  • Pon en valor o investimento da Xunta de preto de 18.000€ para ter “nas mellores condicións unha das pezas artísticas máis representativas do patrimonio local”
  • Salienta a implicación do seu departamento coa conservación do patrimonio galego, “independentemente do tamaño do ben ou do territorio no que estea localizado”

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou para hoxe, mércores, o remate das obras de restauración da escultura da Inmaculada Concepción, peza do prestixioso escultor Francisco Asorey e, consecuentemente, tamén a retirada da estadas ao redor da figura, situada na praza da igrexa de San Paio, no municipio pontevedrés da Estrada.

“Unha das pezas artísticas máis representativas do patrimonio local estradense xa vai poder lucir e volver admirarse nas súas mellores condicións”, asegurou o titular de Cultura do Goberno galego, quen puxo en valor o investimento da Xunta de preto de 18.000 euros para “solucionar a afectación que o paso de tempo e da súa exposición á intemperie lle estaba a ocasionar, aínda que sen terlle producido danos estruturais de importancia”, precisou.

López Campos lembrou que a escultura, realizada por Francisco Asorey en 1956, está catalogada no Plan Xeral de Ordenación Municipal e constitúe “un dos elementos máis recoñecibles da paisaxe urbana estradense, ademais dun dos máis queridos e con valor afectivo pola veciñanza, que a axudou a sufragar cando foi encargada en 1954”.

Precisamente, o conselleiro fixo fincapé na importancia da implicación conxunta de Administracións e sociedade no coidado, protección e preservación dos bens patrimoniais. Ao respecto, considerou que esta intervención demostra a “plena implicación” do Goberno galego na conservación dos “bens significativos, independentemente do tamaño do ben ou do territorio no que estea localizado”.

Comparte este artigo