O certame recibiu 113 relatos nas categorías infantil, xuvenil e adulta, cunha ampla participación nas propostas dirixidas á mocidade
O xurado distinguiu nove obras e o Concello entregou ás persoas participantes o recompilatorio dos relatos gañadores e un diploma
O II Concurso de Relato Curto do Concello do Rosal pechou a súa edición de 2026 cun balance positivo tras recibir 113 relatos nas tres categorías convocadas: 34 na categoría adulta, 64 na infantil e 15 na xuvenil.
Na categoría infantil, as obras premiadas foron O mal final, de Paula Alonso Domínguez; A lenda de Novás, de Claudia da Costa Correa; e A nena e as bruxas, de Laila Houaida Lomba El Bouzaoui. Na categoría xuvenil, os recoñecementos recaeron en A mente protéxete, de Sabela Díaz Álvarez; O portal dos soños, de Lía Mariño Carrera; e A sombra da costa da morte, de Emma Bouzada Vicente.
Pola súa banda, na categoría adulta, os relatos gañadores foron A primeira epístola de anxo aos trilobites, de Francisco Javier Fernández Davila; Lampantasma, de Soledad García Riveiro; e Lobos, de Alba Alonso López.
O xurado desta edición estivo formado por Alejandro González Martínez, Felipe Rodríguez Escribano e Juan Balseiro, mentres que Ana María Álvarez Chamosa se encargou da corrección dos textos. As persoas clasificadas nos primeiros e segundos postos recibiron un eBook, un pack de libros, un diploma e o recompilatorio dos relatos gañadores. Para os terceiros premios, o agasallo foi o mesmo, agás o eBook. O resto das persoas participantes recibiron tamén o recompilatorio e un diploma.
Con esta segunda edición, o Concello do Rosal reafirma a súa aposta pola creación literaria e pola promoción da lingua galega, ofrecendo un espazo para incentivar a escritura e achegar a literatura á cidadanía a través da participación de persoas de diferentes idades.

