O concello de Arbo oferta os talleres “Activa-Mente”: benesstar, movemento e creatividade para persoas maiores

Redacción
  • A iniciativa “Activa-Mente no Rural” busca crear espazos de encontro, participación e convivencia para combater o illamento e a soidade non desexada.
  • O programa está dirixido a persoas maiores de 55 anos e as prazas serán limitadas por orde de inscrición.

O Concello de Arbo, consciente da realidade demográfica do municipio e das súas contornas, presenta o proxecto “Activa-Mente no Rural”. Esta iniciativa nace co obxectivo prioritario de ofrecer alternativas á dispersión xeográfica e ás dificultades de mobilidade que afectan a moitas persoas maiores do medio rural, factores que a miúdo favorecen situacións de illamento e soidade non desexada, repercutindo negativamente no seu benestar e calidade de vida.

O proxecto desenvolverase a través de dous talleres semanais no Centro Social de Arbo. Estas actividades están deseñadas como ferramentas para fortalecer os vínculos comunitarios, promover un envellecemento activo e permitir que os participantes saian das súas rutinas, relaciónense coa súa contorna e manteñanse activos tanto física como mentalmente.

O alcalde de Arbo informou que a posta en marcha destes talleres busca, fundamentalmente: “Favorecer a participación social, o envellecemento activo e a prevención da soidade non desexada entre as persoas maiores do rural de Arbo e a súa contorna mediante actividades grupais que promovan o benestar físico, emocional e relacional.”

O proxecto divídese en dúas grandes áreas temáticas:

  • ACTIVIDADE A: Corpo Activo, Mente Esperta Taller orientado a fomentar o benestar físico e cognitivo a través do movemento, o xogo e a participación grupal.
    • Contidos: Ximnasia suave adaptada, xogos motores e dinámicas participativas, actividades de atención e memoria asociadas ao movemento, e técnicas básicas de relaxación e respiración.
  • ACTIVIDADE B: Creatividade Sostible. Arte e Reciclaxe Taller de manualidades creativas onde cada sesión se converterá nunha oportunidade para compartir recordos, coñecementos e vivencias, reforzando o vínculo entre veciños e veciñas e favorecendo a participación activa na vida comunitaria.

O programa está dirixido a persoas maiores de 55 anos residentes no municipio de Arbo. As prazas son limitadas e asignaranse por rigorosa orde de inscrición.

Para máis información sobre os horarios e como formalizar a inscripción, as persoas interesadas poden poñerse en contacto coas oficinas municipais do Concello de Arbo.

Comparte este artigo