O PP denuncia que Marcón segue sufrindo “os mesmos problemas de sempre” e esixe a Lores que deixe de abandonar as parroquias

Redacción

• Rafa Domínguez e varios concelleiros do Grupo Municipal Popular percorren de novo a parroquia e comproban a existencia de puntos con residuos que levan semanas sen recoller e estradas municipais nun “estado lamentable”

• O Iago Acuña: “Os veciños das parroquias pagan os seus impostos como os do centro e teñen exactamente o mesmo dereito contado cuns servizos públicos dignos. Non pode haber pontevedreses de primeira e de segunda”

O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado por varios concelleiros do Grupo Municipal Popular, visitou de novo a parroquia de #Marcón para comprobar sobre o terreo as deficiencias que continúan denunciando os seus veciños, especialmente en materia de limpeza e mantemento das estradas municipais.

Durante o recorido por diferentes puntos da parroquia, os populares comprobaron a presenza de varios puntos de vertedura e acumulacións de residuos que levan semanas sen ser retirados.

O concelleiro popular Iago Acuña denunciou que esta situación resulta especialmente preocupante despois da entrada en funcionamento do novo contrato municipal de limpeza e recollida de residuos.

“Temos un novo contrato de recollida de lixos, pero cando percorremos as parroquias comprobamos que os problemas de sempre seguen exactamente igual e que, nalgúns puntos concretos de #Marcón, a situación mesmo empeorou”, lamentou Acuña.

Os populares tamén volveron a poñer o foco no estado de consrvación de diferentes estradas de titularidade municipal da parroquia, algunhas das cales presentan importantes deficiencias a pesar de tratarse de problemas denunciados desde hai anos.

“É inaudito que despois de tantos anos sigamos atopándonos os mesmos problemas nas mesmas zonas. Hai estradas municipais cuxo estado de conservación é lamentable e que necesitan unha actuación, non só por unha cuestión de mantemento, senón tamén de seguridade para quen as utiliza a diario”, sinalou.

Acuña reclamou ao Gobierno do BNG de Miguel Anxo Fernández Lores que “deixe de esquecerse das parroquias” e atenda as necesidades dos veciños do rural pontevedrés coa mesma dilixencia que as do centro urbano.

“Os veciños de #Marcón e do resto de parroquias pagan os seus impostos como o que máis e merecen exactamente os mesmos servizos que calquera veciño do centro de Pontevedra: unha limpeza digna e unhas estradas en condicións que non supoñan un problema de seguridade”, defendeu.

“Desde o Partido Popular imos seguir percorrendo as parroquias, escoitando aos seus veciños e denunciando unhas deficiencias que levan demasiado tempo sen resposta. En Pontevedra non pode haber veciños de primeira e de segunda categoría”, concluíu Acuña.

Comparte este artigo