• Rafa Domínguez denuncia que o novo contrato de limpeza non se está traducindo nunha mellora do servizo e reclama máis control, reforzos en barrios e parroquias e un dispositivo específico durante festas e grandes eventos
• O portavoz municipal esixe unha revisión técnica dos composteiros comunitarios e propón retirar ou recolocar os situados en emprazamentos inadecuados, alén de acordar as novas localizacións cos veciños
•
O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, denunciou este xoves a deterioración da limpeza en diferentes puntos da cidade, as deficiencias detectadas durante as últimas festas e a “improvisación” do Gobierno de Miguel Anxo Fernández Lores na implantación dos composteiros comunitarios. Fronte a esta situación, presentou unha batería de propostas para mellorar o servizo.
O portavoz popular advertiu de que as queixas por acumulación de residuos, sucidade persistente ou falta de limpeza regular en barrios e parroquias prodúcense despois da entrada en funcionamento dun novo contrato que supón un maior custo para as arcas municipais.
“Os pontevedreses están a pagar máis pola limpeza da cidade, pero ese maior investimento ten que notarse nas rúas. Un contrato máis caro debería significar mellores frecuencias, máis medios e unha resposta máis rápida”, sinalou.
Domínguez reclamou ao Gobierno local “transparencia” sobre a execución do contrato e propuxo que informe, como mínimo trimestralmente, sobre as melloras implantadas e os seus resultados. Tamén expón revisar os indicadores de calidade e as penalizacións, reforzar a limpeza en barrios e parroquias, aumentar as frecuencias de recollida en zonas de maior actividade e crear unha canle de incidencias con compromiso de resposta en 48 horas.
O portavoz municipal realizou tamén un balance crítico das últimas festas, durante as que se repetiron imaxes de vasos, botellas, restos de comida e residuos acumulados, así como contedores desbordados nas zonas de maior afluencia.
“Non podemos normalizar que despois de cada noite de festas Pontevedra tarde horas en recuperar unhas condicións adecuadas. Son días de enorme afluencia e precisamente por iso o Concello ten que anticiparse”, defendeu.
O PP propón un plan específico de reforzo durante festas e grandes eventos, con equipos adicionais nas zonas de concertos, verbenas e hostalería, máis contedores e papeleiras e unha limpeza de choque que permita que a cidade amenza en condicións adecuadas.
O líder do PP de Pontevedra hase referido tamén á implantación dos composteiros comunitarios e insistiu en que o PP non cuestiona a compostaxe, senón “a forma improvisada na que o Goberno de Lores está a levalo á práctica”.
“Compostaxe si, pero non de calquera xeito nin en calquera sitio. Non ten sentido defender un sistema sostible se despois se instala sen escoitar aos veciños ou en lugares nos que pode xerar molestias perfectamente evitables”, afirmou.
O PP reclama unha revisión técnica inmediata de todos os composteiros comunitarios, recolocando ou retirando aqueles situados en emprazamentos inadecuados. Tamén propón establecer un protocolo de mantemento periódico, mellorar a información aos usuarios e acordar as novas localizacións coas asociacións veciñais.
“O que estamos a pedir é planificación, control e diálogo. A súa localización ten que responder a criterios técnicos e contar cun mantemento adecuado”, defendeu.
“Queremos unha Pontevedra limpa, sostible e coidada. Imos seguir fiscalizando a xestión do Gobierno de Lores, pero tamén poñendo encima da mesa alternativas concretas e realistas”, concluíu Domínguez.

