As novas escolas infantís de Pontellas e Budiño comenzarán a funcionar este venres 4 de setembro cunha xornada de portas abertas

Redacción
  • O servizo é totalmente gratuito e as familias interesadas poden acudir para comprobar o seu funcionamento
  • As novas instalacións ofrecen 132 prazas públicas para nenos e nenas de 0 a 3 anos, reforzando a conciliación familiar no Porriño.

Este vindeiro venres, 4 de setembro, entrarán en funcionamento as novas escolas infantís municipais de Pontellas e Budiño. Con motivo do inicio da súa actividade, o Concello do Porriño organizará unha xornada de portas abertas para que a cidadanía e, moi especialmente, os pais e nais que aínda estean a buscar praza para os seus nenos e nenas de 0 a 3 anos, poidan coñecer de primeira man as novas instalacións e servizos. Será entre ás 12:00 e ás 19:00h.

Ambos centros ofrecen unha educación totalmente gratuíta para as familias e contan coas mesmas prestacións, equipamento e calidade pedagóxica que a rede autonómica de Galiñas Azuis da Xunta de Galicia. Con esta incorporación, o municipio suma 132 novas prazas públicas dirixidas ao primeiro ciclo de Educación Infantil.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que “o noso compromiso de dotar a todas e cada unha das parroquias do Porriño de servizos públicos e de calidade segue sendo firme. As escolas infantís son ao mesmo tempo un espazo de aprendizaxe e unha ferramenta fundamental de conciliación que debe chegar a todas as familias, vivan onde vivan”.

Neste senso, o rexedor animou ás familias a achegarse este venres ás instalacións para coñecer os centros e formalizar a súa inscrición se aínda precisan un lugar para os seus fillos e fillas.

Dúas instalacións modernas e adaptadas

A Escola Infantil de Pontellas está emprazada no lugar da Igrexa, e nace froito da rehabilitación e ampliación da antiga escola unitaria da parroquia. Oferta 66 prazas públicas distribuídas en cinco aulas, sala multiusos, oficina, cociña e amplias zonas exteriores nun solar de máis de 4.300 metros cadrados.

A Escola Infantil de Budiño emprázase nunha edificación de nova construción sita na contorna do polígono das Gándaras, deseñada como un espazo de transición entre o contorno rural e industrial, con máis de 500 metros cadrados construídos nunha parcela de 2.980 metros cadrados.

Ambas contan con equipamento totalmente novo e unha xestión profesional e especializada, así, Koala Soluciones Educaticvas  xestiona a nova escola infantil de Pontellas e Navuxil  a nova escola infantil de Budiño.

Solicitudes de praza

As familias interesadas poden solicitar máis información durante a xornada de portas abertas ou ben presentar a súa solicitude a través do Rexistro Xeral do Concello do Porriño e da Sede Electrónica municipal.

Comparte este artigo