A entidade pontevedresa, que traballa por mellorar as condicións de vida das persoas con discapacidade da comarca de Pontevedra, denuncia que os baños públicos que o Concello de Pontevedra instalou na Praza de Ourense non cumpren a normativa de accesibilidade.
A asociación non acaba de entender como o baño que conta coa indicación de “accesible” (no que tamén habería que comprobar a distribución interior dos elementos) ten unha rampla de acceso dunha porcentaxe de inclinación aproximada do 40%. Isto, ademais de impedir que a maioría de persoas con mobilidade reducida poidan utilizar o baño autonomamente, constitúe unha nova discriminación ás persoas con discapacidade.
Ben é certo que a propia colocación do módulo de baños públicos incrementa a inaccesibilidade do baño adaptado, pero aínda que o módulo se puidese xirar 180°, a pendente desa rampla de acceso roldaría o 20% polo que seguiría sendo inaccesible, e discriminatoria.
AMIZADE ten posto en coñecemento do Concello en numerosas ocasións a necesidade de prestar especial atención a todos os elementos que se instalan na cidade con motivo da celebración dalgún tipo de evento. Por exemplo, mellorar o acceso e o deseño interior do baño adaptado que se instala na zona da Alameda durante as Peregrinas, posibilitar unha conexión accesible desde a propia rúa Alameda, controlar o acceso ás zonas reservadas para persoas con mobilidade reducida para poder ver os concertos, mellorar o estado da rampla que se instala para salvar as escaleiras da Alameda (e instalar algo semellante tamén durante o Nadal), ou sobre todo esixir a todas as diferentes empresas que se encarguen de instalar mesas de son con cableado a que teñan que colocar o material cubrecables que se sexa accesible para persoas con mobilidade reducida.
“As persoas con mobilidade reducida tamén temos dereito a poder disfrutar en igualdade de condicións dos diferentes eventos artísticos ou culturais que se desenvolvan na cidade; nunha cidade accesible de verdade non só se debe poder pasear polas rúas ou prazas, senón tamén poder entrar a comercios ou locais de hostalería, disfrutar dos espazos verdes ou acceder á cultura.”
Conclúen desde a asociación facendo un chamamento á empatía: “A xente non sabe o que se sinte cando non che permiten entrar nalgún sitio (simplemente contando cun chanzo na entrada), non podes acceder a un baño, ou te ves obrigado a ter que dar a volta cando te atopas de fronte cun sistema cubrecables que che impide continuar (sobre todo sabéndo que existen no mercado solucións accesibles)”
Amizade afirma que continuará reclamando ao Goberno municipal que estableza mecanismos claros, contundentes e obrigatorios que teñan que cumprir todos os operadores (ben sexan empresas subcontratadas, ben sexan servizos propios municipais) que interveñan dun ou doutro xeito na instalación de elementos vinculados a actividades culturais que se desenvolvan na cidade

