Esta normativa regula a convivencia, a limpeza e o uso responsable de rúas, parques e espazos públicos, actualizando tamén as obrigas relacionadas cos animais de compañía
O Pleno do Concello de Ponteareas aprobou definitivamente a nova Ordenanza reguladora da convivencia, do civismo, da limpeza e do uso responsable do espazo público, culminando así a tramitación iniciada coa súa aprobación inicial o pasado 26 de maio.
O obxectivo desta nova normativa municipal é dispoñer dun marco actualizado para favorecer a convivencia cidadá, protexer os espazos públicos, mellorar a limpeza e fomentar comportamentos responsables no uso de rúas, prazas, parques e zonas verdes do municipio.
Despois da súa aprobación inicial, a ordenanza permaneceu durante 30 días hábiles en información pública, período durante o que se presentou unha única alegación, parte das súas propostas foron incorporadas ao texto definitivo e o expediente contou con informe favorable de Secretaría.
Regulación de animais, parques e espazos públicos
Entre os aspectos incorporados ao texto definitivo atópanse as novas regulacións relativas aos excrementos e ouriñes dos animais de compañía, así como as condicións de acceso a determinados espazos públicos.
Neste sentido, a nova ordenanza busca avanzar na erradicación dos excrementos e ouriñes de animais na vía pública, reforzando a responsabilidade das persoas propietarias e incidindo na importancia de manter limpos os espazos que son compartidos por toda a cidadanía.
Co obxectivo de facilitar a adaptación á nova normativa e, sobre todo, de promover a concienciación e o cambio de hábitos, o Concello de Ponteareas desenvolverá nas vindeiras semanas unha campaña informativa e de sensibilización dirixida á cidadanía, antes da entrada en vigor da ordenanza o próximo 18 de setembro. Durante a campaña distribuiranse botellas para levar augaxabonosa e bolsas para a recollida dos excrementos, facilitando así o cumprimento das novas obrigas e incidindo na necesidade de deixar as rúas e espazos públicos en condicións adecuadas.
A concelleira de Medio Ambiente, Silvia F. Táboas responsable da área, sinala que “queremos que Ponteareas estea máis limpa e que as persoas que teñen animais de compañía sexan conscientes de que tamén teñen unha responsabilidade sobre o coidado dos espazos públicos. Queremos eliminar os excrementos e ouriñes das rúas, beirarrúas ou parques, porque ademais de afectar á imaxe e á limpeza do municipio, supón unha molestia para o resto da cidadanía”.
A edil destaca que “antes de que a ordenanza entre en vigor queremos informar, explicar e facilitar as cousas a través dunha campaña na que repartiremos bolsas e botellas para que as persoas propietarias poidan recoller os excrementos e limpar con auga xabonosa os ouriñes. É un xesto sinxelo, pero necesario para construír entre todas e todos un Ponteareas máis limpo e coidado”.
A ordenanza establece especificamente a prohibición de acceso con animais de compañía ás praias fluviais de A Freixa I e A Freixa II entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, coas excepcións previstas para cans de asistencia e aqueles pertencentes ás Forzas Armadas ou Forzas e Corpos de Seguridade no exercicio das súas funcións.
Tamén se reforza a regulación para a protección de parques, xardíns e espazos verdes, así como o adecuado uso do espazo público, buscando compatibilizar as diferentes actividades que se desenvolven neles e favorecer a súa conservación.
A alcaldesa de Ponteareas Nava Castro incidiu en que “non se trata unicamente de sancionar, senón fundamentalmente de concienciar e establecer unhas normas de convivencia coñecidas por toda a cidadanía. Coidar Ponteareas é unha responsabilidade compartida entre o Concello e a cidadanía, e esta nova normativa permítenos contar con ferramentas máis claras para protexer os nosos espazos públicos e favorecer unha convivencia baseada no respecto e na responsabilidade”.
O texto íntegro da ordenanza está publicado no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra dende hoxe mesmo e a normativa entrará en vigor a partir do 18 de setembro.

