O Concello de Mos pon a punto os colexios públicos do municipio de cara ao novo curso

Redacción

As actuacións inclúen melloras nos accesos e aparcadoiros, reparacións, traballos de pintura, acondicionamento de zonas deportivas e renovación de espazos exteriores

O Concello de Mos está a levar a cabo diferentes actuacións de mantemento, reparación e mellora nos cinco colexios públicos do municipio de cara ao inicio do novo curso escolar. Os traballos abranguen tanto os edificios educativos como os patios, zonas deportivas, accesos e espazos exteriores dos centros.

No CEIP Mestre Martínez Valverde, unha das principais actuacións é o acondicionamento do aparcadoiro destinado ao profesorado, cunha superficie aproximada de 1.000 metros cadrados, que está a ser acondicionado para mellorar as condicións de acceso e estacionamento.

Neste centro tamén se están realizando reparacións nos rodapés e nas portas, actuacións nos aleiros e na entrada do colexio, así como traballos de pintura e mellora de persianas, barandas e outros elementos. Tamén se incorporaron novos bancos e papeleiras para os espazos exteriores.

No CEIP Atín-Cela acometerase a instalación dun novo almacén e a reparación da entrada, con traballos de cemento pulido e asfaltado. Tamén se instalará tarima en dúas aulas e vinilo nunha parede dunha das aulas, ademais do pintado interior do colexio.

No CEIP Peña de Francia estase a recuperar a antiga pista de atletismo, recuperando o espazo que xa existía nos primeiros anos de funcionamento do centro. A actuación complétase co acondicionamento da pista multideportiva e co traslado do parque infantil, que será dotado dun novo valado en todo o seu perímetro. Tamén se realizarán reparacións nos baños e traballos de pintura en barandas e portais.

No CEIP Petelos os traballos inclúen a ampliación e reforma do comedor, o acondicionamento do cercado do colexio e a reparación dos baños. Tamén se acometerán traballos de pintura no interior do centro.

Pola súa banda, no CEIP Mestre Martínez Alonso estase a actuar na entrada do colexio, cunha intervención que inclúe a plantación de céspede e a instalación dun sistema de rega automática, ademais do axardinamento da zona. Tamén se repararán portas e ventás e se actuará sobre diferentes puntos afectados por filtracións de auga.

As actuacións nos cinco centros inclúen tamén diferentes labores de mantemento das zonas verdes, como a poda, a roza de herbas e malezas e a plantación de novas especies para renovar e mellorar os espazos exteriores.

A estes traballos súmanse os realizados a través do Obradoiro de Emprego, que permitiron crear novos elementos para os colexios, entre eles rocódromos, mesas e bancos para o uso do alumnado.

O conxunto das intervencións responde ás necesidades de mantemento e mellora detectadas nos distintos centros e ten como obxectivo que os colexios de Mos afronten o novo curso con espazos renovados e en condicións axeitadas para o desenvolvemento da actividade educativa.

Comparte este artigo