• Bea Rey reclama actuacións urxentes para mellorar o estado das rúas Ernesto Caballero, Mestre Soutullo, Prado Novo e o regacho de Valdecorvos tras recibir queixas veciñais
• A concelleira popular critica problemas de accesibilidade, acumulación de lixo, vehículos abandonados e elementos de seguridade deteriorados
As concelleiras do Partido Popular de Pontevedra Bea Rey e Silvia Junco percorreron distintas rúas da Parda despois de recibir varias chamadas e queixas de veciños “fartos do abandono” por parte do Concello.
“O que atopamos é unha mostra máis de que o alcalde vive completamente alleo aos barrios de Pontevedra con beirarrúas en mal estado, muros deteriorados e zonas cheas de lixo”, criticou Bea Rey, quen reclamou ao Gobierno local do BNG que atenda as necesidades que os veciños levan tempo trasladando.
Rey citou o mal estado no que se atopa o final da rúa Ernesto Caballero, onde “a plataforma única termina nunha baixada de terra, pedras e lixo pola que numerosos veciños pasan a diario para acceder ao centro”. Doutra banda, en #Mestre Soutullo, “un contedor situado sobre a beirarrúa dificulta o paso de peóns, persoas con mobilidade reducida e familias con carriños de bebé”, lamentou.
Así mesmo, na baixada da rúa Fraga cara a Prado Novo, as pedras dun muro levan anos desprendéndose sen que o Concello acometese ningunha actuación: “a única solución do BNG de Lores foi colocar un valo metálico e mirar cara a outro lado desde hai anos”, apuntou a edil do PP.
Nesta mesma zona, as populares denuncian a presenza de vehículos abandonados e queimados, así como acumulación de lixo, unha situación que, segundo trasladan os veciños, xera unha crecente sensación de inseguridade.
A situación repítese no regacho de Valdecorvos, onde as proteccións de madeira permanecen rotas e tiradas no chan, co conseguinte risco para os veciños que transitan pola zona. “O Goberno municipal responde con máis valos e sen achegar ningunha solución definitiva”, recriminou Rey.
En definitiva, os populares esixiron ao BNG que actúe e garanta investimentos mínimos: “Lores pon parches mentres nós comprometémonos a atender as necesidades do día a día dos veciños para acometer as actuacións necesarias para garantir a accesibilidade, a seguridade e o mantemento adecuado dos barrios de Pontevedra. A cidade necesita un alcalde que se preocupe de verdade polos seus veciños”, concluíu.

