O Rosal dá un novo paso cara ao futuro centro de saúde co cambio de uso do solo da parcela adquirida polo Concello

Redacción

O pleno aprobou a modificación urbanística para destinar a uso sanitario os máis de 1.600 m2 da parcela mercada e posta a disposición da Xunta

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal inicia este xoves 10 (12 h) concentracións semanais para protestar ante a precarización actual, cun mes de espera para unha cita presencial co médico de cabeceira

O futuro centro de saúde do Rosal avanza sobre o terreo. O Concello vén de dar un novo paso imprescindible para facer realidade esta infraestrutura coa aprobación en pleno da modificación urbanística inicial que permitirá cambiar de residencial a dotacional sanitario o uso da parcela de máis de 1.600 metros cadrados adquirida polo Goberno municipal a finais de 2025.

Este trámite forma parte do camiño iniciado hai anos polo actual Goberno municipal para conseguir que O Rosal conte cun novo centro de saúde dimensionado para responder non só á demanda actual, senón tamén ás necesidades dunha poboación en crecemento. A parcela, adquirida por 90.000 euros tras diferentes xestións coa Sareb, dispón dunha superficie que, só en planta, equivale aproximadamente a tres veces a do actual centro de saúde.

Aínda que “para o goberno municipal a saúde é o primeiro”, a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, lembra que as competencias sanitarias corresponden á Xunta de Galicia, polo que “o Concello non pode contratar persoal sanitario nin construír pola súa conta un novo centro, pero iso non significa que vaiamos quedar de brazos cruzados. Estamos facendo todo o que está na nosa man para que O Rosal teña a atención sanitaria que merece”.

Dunha ampliación a un novo centro de saúde

A proposta formulada inicialmente pola Xunta de Galicia contemplaba a ampliación do actual centro de saúde. Tras estudar esta alternativa, o Goberno municipal considerou que resultaba insuficiente para responder ás necesidades reais do municipio e defendeu ante a Consellería de Sanidade unha solución máis ambiciosa: construír un equipamento completamente novo e preparado para o futuro, polo que puxo xa o solo a disposición da Xunta . “O que precisamos non é poñer un parche, senón pensar como queremos que sexa a atención sanitaria do Rosal nos próximos anos. Defendemos desde o primeiro momento un centro moderno, accesible, ben equipado e con capacidade para incorporar servizos que hoxe non temos”, explica Fernández Callís.

O traslado da actividade sanitaria permitiría ademais dar unha nova vida ao actual centro de saúde, para o que o Goberno local contempla no futuro un uso como equipamento municipal ou vinculado á actividade musical do Conservatorio e da Escola de Música.

Protestas pola precarización da sanidade

O avance cara a unha nova infraestrutura chega nun momento especialmente complexo para a atención sanitaria no municipio. Na actualidade, das catro prazas médicas asignadas ao centro de saúde do Rosal só están cubertas dúas e, ante a falta de cobertura de baixas e vacacións, prodúcense momentos nos que a atención pode quedar reducida a un única persoa médica ou mesmo sen ningún facultativo. A falta de persoal está a ter consecuencias directas para a veciñanza, cunha espera media de arredor dun mes para conseguir unha cita presencial co médico ou médica de familia.

Neste contexto, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal iniciará este xoves 10 unha concentración diante do centro de saúde, unha mobilización que se repetirá todos os xoves ás 12.00 horas para protestar pola situación actual da sanidade pública no municipio.

A alcaldesa insiste en que a mellora das infraestruturas e a dotación de persoal deben avanzar en paralelo. “Estamos traballando para ter un novo centro de saúde porque O Rosal o necesita, pero un edificio por si só non presta asistencia sanitaria: precisamos tamén profesionais suficientes e condicións que garantan unha atención pública digna e de calidade”, subliña.

Comparte este artigo