Mos celebrará el 19 de setembro a segunda edición do Festival Alfacuca Picnic cunha xornada de natureza, música e educación ambiental

Redacción

O Concello de Mos celebrará o próximo sábado 19 de setembro a segunda edición do Festival Alfacuca Picnic, unha xornada que combina natureza, convivencia, cultura e educación ambiental na Aldea Alfacuca. O programa, integrado na filosofía do programa municipal Coidamos, incorpora nesta edición un maior número de actividades relacionadas coa reciclaxe, a reutilización e a economía circular.

A iniciativa naceu en 2025 e a súa primeira edición reuniu máis de 2.000 persoas ao longo da xornada. Nesta segunda convocatoria, o Concello mantén a aposta por un formato pensado para as familias e para o público xeral, no que as actividades ambientais conviven con propostas culturais e de lecer.

A programación comezará ás 11.00 horas coa andaina ao Monte de Louredo, organizada coa Comunidade de Montes Louredo. Nese primeiro tramo da mañá tamén se desenvolverán os obradoiros de Facendo Pan, A Leitería e Reciclaxe: creación de maceteiros e máscaras.

Ás 12.00 horas terá lugar a actividade de iniciación á observación de aves, acompañada de novos obradoiros de Facendo Pan, A Leitería e reciclaxe, neste caso para a elaboración de comedeiros de paxaros. Tamén se celebrará un storytime! e obradoiro de contacontos en inglés de Kids&Us.

A programación continuará ás 13.00 horas coa charla “Alfacuca Obxectivo 2030” e, ás 13.30 horas, coa intervención “O corazón dun Mos sostible”, de APROEMA. Nesa mesma franxa horaria terá lugar o concerto sesión vermú de King Kids.

Un dos momentos centrais da xornada será ás 14.30 horas, co picnic colectivo, acompañado pola música do grupo de gaitas C.C. Herville.

Obradoiros, xogos e actividades durante toda a tarde

A actividade continuará pola tarde con diferentes propostas ambientais e creativas. Ás 15.30 horas haberá un obradoiro de cabaliños con material de refugallo.

Ás 16.15 horas retomaranse os obradoiros de Facendo Pan, A Leitería, cabaliños con material de refugallo e títeres con reciclaxe. Ás 17.00 horas será a quenda da Ruta Invasorarte, xunto con novos obradoiros de Facendo Pan, A Leitería e títeres con reciclaxe.

A programación de rúa chegará ás 17.30 horas co pasarrúas do xigante “Barriga Verde”. Ás 18.00 horas, o público poderá desfrutar da maxia ao solpor de Mago Marco, mentres que ás 19.00 horas terá lugar o espectáculo de títeres “Barriga Verde”.

A xornada pecharase ás 20.00 horas co concerto de The Blow Up’s, dentro dun programa que no cartel oficial establece un horario de celebración de 11.00 a 21.00 horas.

Unha edición centrada na sustentabilidade

O carácter ambiental será unha das liñas principais desta segunda edición. O festival incorpora obradoiros para aprender a separar correctamente os residuos, reutilizar materiais e crear novos obxectos a partir de elementos que xa non se utilizan. Tamén se abordarán cuestións como a compostaxe, o consumo responsable e a economía circular.

A organización contempla ademais dous stands de reciclaxe atendidos por persoal especializado, varias illas de reciclaxe distribuídas polo recinto e mensaxes de sensibilización durante a xornada. O evento contará con vaixela reutilizable para reducir o uso de plásticos dun só uso e coa presenza do Punto Limpo Móbil.

O festival contará tamén co espazo “I Love Mascotas”, dedicado ao benestar animal e á adopción responsable, con información das protectoras, presentación de animais en adopción e actividades infantís relacionadas co respecto e coidado dos animais.

Desde o Concello de Mos sinalan que esta segunda edición pretende consolidar Alfacuca Picnic como unha proposta de encontro arredor da natureza e do patrimonio da Aldea Alfacuca, incorporando ao mesmo tempo actividades que permitan achegar a sustentabilidade á cidadanía dun xeito práctico e participativo.

Comparte este artigo