Mos celebra unha festa de despedida para os nenos e nenas saharauís que pasaron o verán con familias acolledoras do municipio

Redacción

O Concello de Mos organizou onte en Santiaguiño unha festa de despedida para os 12 nenos e nenas saharauís que pasaron o verán no municipio con familias acolledoras no marco do programa Vacacións en Paz.

Os menores chegaron a Mos o pasado mes de xullo e, durante a súa estancia, participaron en diferentes actividades organizadas polo Concello. Entre elas, acudiron ao campamento municipal infantil Mañás de Verán, ademais de participar en distintas propostas de lecer e actividades programadas ao longo destes meses.

A festa de despedida contou con inchables, actividades con monitor e unha merenda, nunha xornada de convivencia cos menores e as súas familias acolledoras antes do seu regreso aos campamentos saharauís.

O Concello de Mos agradece ás familias acolledoras a súa implicación durante estes meses e a colaboración de tódalas persoas e entidades que fan posible a participación de Mos no programa Vacacións en Paz.

A previsión é que os menores regresen entre os días 5 e 7 de setembro, con saída prevista desde o Pazo de Mos.

Comparte este artigo