A Biblioteca Pública Municipal da Guarda ampliará e actualizará os seus fondos bibliográficos

Redacción
  • O Concello da Guarda foi beneficiario de dúas subvencións da Xunta de Galicia por un importe total de 3.151,54 euros  para a adquisición de novidades editoriais e a mellora das coleccións bibliográficas

A Biblioteca Pública Municipal da Guarda continuará avanzando na mellora e actualización dos seus fondos bibliográficos grazas á concesión de dúas subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, por un importe total de 3.151,54 euros.

En concreto, a Biblioteca foi beneficiaria de 1.084,47 euros correspondentes ao Programa A, destinado á adquisición de novidades editoriais. Esta liña de axudas ten como finalidade facilitar que as bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura poidan poñer á disposición das súas persoas usuarias as novidades editoriais en galego no momento da súa entrada no mercado, mediante a adquisición de libros en formato físico.

A esta contía súmanse os 2.067,07 euros do Programa B, dirixido á mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura. Esta subvención permitirá actualizar e ampliar os fondos existentes, contribuíndo a ofrecer unha colección máis completa, diversificada e actual e facilitando ao persoal técnico bibliotecario a mellora do servizo que se presta á cidadanía.

Os libros adquiridos ao abeiro destas subvencións iranse incorporando progresivamente ao catálogo da Biblioteca Pública Municipal da Guarda. Antes de ser postos á disposición das persoas usuarias, os exemplares deberán completar o correspondente proceso técnico de catalogación, clasificación e preparación, polo que a súa incorporación á colección será gradual.

Con esta nova adquisición de fondos, a Biblioteca Pública Municipal da Guarda continúa avanzando na actualización da súa colección e no fomento da lectura, facilitando o acceso da veciñanza a novos títulos e contribuíndo á promoción da lectura e da cultura galega.

Comparte este artigo